|
|
NOVAS |
A OFICINA DE TURISMO DE SOBER RECIBIU ESTE VERÁN UN 12% DE TURISTAS EXTRANXEIROS
A Oficina de Turismo do Concello de Sober recibiu este verán preto de 1.300 visitas de turistas que se interesaron pola riqueza paisaxística e cultural do municipio. En concreto, 1.293 persoas achegáronse ao punto de información turística situado na Praza do Concello dende finais do mes de xuño ata comezos do mes de setembro.
Dende o Goberno local celébranse estes datos, que supoñen que diariamente unha vintena de visitantes se achegaron ao punto de información para coñecer máis sobre o municipio soberino. A media é superior á do ano anterior, no que o rexistro de visitas foi de 17 persoas por día.
Os turistas interesáronse principalmente polas rutas de sendeirismo da zona, os miradoiros ou os horarios de visita ás adegas.
A maior porcentaxe de visitas que chegaron á localidade soberina foron do territorio nacional, un 88%, principalmente de Galicia, Madrid e Barcelona. Aínda que tamén houbo visitantes de Andalucía, País Vasco, Castela e León ou a Comunidade Valenciana.
Pola súa banda, o 12% dos turistas proceden do estranxeiro: de países europeos como Inglaterra, Francia, Dinamarca, Portugal, Suíza, Italia ou a República Checa. Tamén visitaron o municipio turistas de fóra de Europa: de EEUU, Arxentina, Cuba ou Canadá. O 60% do total das visitas rexistráronse no mes de agosto.
O alcalde do Concello de Sober, Luis Fernández Guitián, amosouse moi satisfeito con estas cifras e salientou que “outro ano máis podemos congratularnos do gran número de visitantes que se achegaron a coñecer o noso municipio durante a época estival”.
Guitián destacou que “a nosa cultura única, o noso patrimonio e as nosas impresionantes paisaxes atraen cada vez a máis visitantes de todos os puntos da xeografía que cando nos coñecen quedan prendados do encanto da Ribeira Sacra”.
|
|
|
|
|
|