|
|
NOVAS |
O CONCELLO DE SOBER CONTARÁ CUN NOVO MIRADOIRO NA CONFLUENCIA DO RÍO CABE CO SIL
O Goberno local do Concello de Sober anuncia a construción dun novo miradoiro na confluencia do Río Cabe co Sil. Vai ser o primeiro miradoiro da Ribeira Sacra instalado no Canón do Cabe, no lugar de A Pena do Conde, moi preto da Barca de Santo Estevo. O lugar é xa na actualidade un miradoiro natural con vistas espectaculares e moi ben comunicado dende Nogueira.
A actuación vai consistir na posta en valor e na mellora da accesibilidade na contorna da Pena do Conde e inclúe un estacionamento de vehículos, unha senda de acceso, unha área de interpretación e un miradoiro adaptado ao entorno e accesible.
O miradoiro vai estar instalado moi preto do petroglifo de A Tapada do Monte, o que constitúe un atractivo máis para unha zona turística de por si. O proxecto foi redactado por Gimena Ingeniería, quen xa deseñou a renovación dos miradoiros de Cadeiras, O Boqueiriño e Santiorxo.
O alcalde, Luis Fernández Guitián, subliña o enorme valor paisaxístico e turístico da zona, posto que desde a nova infraestrutura se poderán contemplar a desembocadura do Cabe no Sil, o mosteiro de Santo Estevo, así como a estación de ferrocarril de Santo Estevo.
Unha achega de 39.000 euros de Turismo de Galicia
As obras contan cun orzamento de 49.000 euros, dos que 39.000 euros son aportados por Turismo de Galicia a través das subvencións por concorrencia competitiva de mellora de accesibilade a recursos turísticos.
10 miradoiros no Canón do Sil
Con esta nova infraestrutura son 10 os miradoiros do Concello de Sober ao longo do Canón do Sil: o de Pena do Conde na confluencia co Río Cabe; os de Xabrega e Os Chancís, preto da presa de Santo Estevo; os de Cividade e O Boqueiriño en Bolmente; o de Santiorxo; Cadeiras en Pinol; Os Chelos en Amandi; e Soutochao e Pena do Castelo en Doade.
|
|
|
|
|
|