NOVAS DO CONCELLO
 
NOVAS
A INCORPORACIÓN DO RESTAURANTE MERENZAO Á GUÍA REPSOL CONVERTE A SOBER NUN DOS POUCOS CONCELLOS RURAIS GALEGOS EN FORMAR PARTE DESTA PRESTIXIOSA LISTA



O Restaurante Merenzao, situado en Cadeiras, vén de ser seleccionado para figurar na prestixiosa Guía Repsol pouco tempo despois de que o establecemento cumprira o seu segundo aniversario, o pasado 25 de xullo. A incorporación do Restaurante Merenzao á Guía Repsol converte a Sober nun dos poucos concellos rurais galegos en formar parte desta prestixiosa lista.
 
O anuncio foi dado a coñecer hoxe polo alcalde, Luis Fernández Guitián, o responsable do local, José Ramón Martínez Mareque e o xefe de cociña, Carlos J. González. No acto, celebrado no miradoiro de Cadeiras, participaron tamén un nutrido grupo de produtores locais aos que os promotores da iniciativa agradeceron o seu labor e a súa contribución a este logro.
 
Unha nova que chega por sorpresa
Os responsables do restaurante aseguran que a noticia lles chegou por sorpresa, polo que a reciben con grande alegría sabedores da honra que supón formar parte dunha lista tan selecta de establecementos directamente escollidos polos membros da Real Academia de Gastronomía. En concreto, na provincia de Lugo tan só 11 restaurantes contan con esta distinción, dous deles na Ribeira Sacra, en Monforte.
 
Tanto os impulsores do proxecto como o Goberno local a través do alcalde sinalaron que este recoñecemento supón un espaldarazo a unha iniciativa que naceu grazas á unión das vontades de José Ramón Martínez Mareque e o Concello de Sober coa intención de achegar novos valores á gastronomía dunha terra que loita contra a despoboación ao tempo que pugna por ser recoñecida como Patrimonio da Humanidade.
 
Fernández Guitián agradeceu o interese dos promotores porque o proxecto saíse adiante en Sober, ao tempo que puxo en valor que se estea a contar cos produtores locais para ofrecer “a mellor gastronomía”, o que converte ao Merenzao nun altofalante non só da nosa comida, senón tamén da nosa terra e de toda a Ribeira Sacra.
 
José Ramón Martínez Mareque trasladou o seu agradecemento ao Concello de Sober “por ter apostado por un proxecto tan arriscado  e diferente ao resto da oferta gastronómica da zona, e a todo o persoal que nestes dous anos de andaina achegou a súa profesionalidade, sacrificio e saber facer para, nun tan breve prazo de tempo, ter acadado este recoñecemento.
 
Carlos J. González remarcou que esta gran noticia pon o broche de ouro a un ano 2017 que comezou co gran recoñecemento que supuxo o seu relatorio no Fórum Gastronómico da Coruña “e no que observamos que o noso pequeno proxecto arraigou na nosa terra, achegando ilusión e visibilidade á nosa gastronomía e cárganos de ilusión a todo o equipo que conforma o Merenzao para afrontar o futuro crendo nunha gastronomía honesta, inspirada na nosa tradición e fundamentada nos produtos e produtores locais”.
 
 

 
 
Historia do Concello
1·Historia
2·Patrimonio
3·Medio Natural
4·Lendas
5·Situación
Concello de Sober
1·Alcaldía
2·Corporación Municipal
3·Normativa Municipal
4·Secretaría
5·Contacto
Servizos do Concello
1·Enlaces
2·Axenda
3·Télefonos
4·Transporte Público
As Nosas Parroquias
 
Oficina de Turismo
1·Rutas
2·Aloxamentos
3·Festas
4·Galería Fotográfica
Novas do Concello
 
O Viño e Adegas
1·O Viño
2·Adegas
CONCELLO DE SOBER · RIBEIRA SACRA · AYUNTAMIENTO DE SOBER
Praza Campo da Feira s/n · 27460 · Sober · Lugo · 982 46 00 01 · 982 46 00 05
prodesin.com