|
|
NOVAS |
O CONCELLO DE SOBER COLABORA NA RECOLLIDA DE 7,5 TONELADAS DE PLÁSTICOS AGRÍCOLAS
O Goberno local do Concello de Sober, en virtude dun acordo coa Consellería de Medio Ambiente, vén de recoller 7,5 toneladas de plásticos agrícolas procedentes das explotacións agrícolas de diversos puntos do municipio. O Concello facilita este traballo con puntos de recollida cerca das propias explotacións.
O Goberno local organizou unha xornada de recollida en colaboración coa Consellería e a empresa Sirga. O alcalde, Luis Fernández Guitián, explica que se suman a esta iniciativa como unha forma de colaborar co medio ambiente e para darlle unha solución aos veciños e veciñas para retirar este tipo de plásticos das súas explotacións.
Algúns datos
A cantidade de plástico agrícola (plástico e bolsas de silo, plástico de invernadoiro) que se xera en Galicia ao longo dun ano é de aproximadamente 7.700 toneladas.
A práctica habitual do vertido ou da incineración de xeito incontrolado supón un problema medioambiental, que orixina un deterioro progresivo e acumulativo do contorno, tendo ademais en conta o impacto paisaxístico derivado da proliferación de puntos de abandono destes materiais.
Ante esta problemática, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas puxo en marcha o Programa de Recollida de Plástico Agrícola coa que colabora o Concello de Sober co obxecto de implantar un sistema de recollida dos plásticos agrícolas, tanto de silo coma de invernadoiro, e facilitarlle ós agricultores e gandeiros a súa xestión axeitada.
Sistema de recollida
Os residuos acumulados deben ser exclusivamente plásticos agrícolas e estes deben estar o máis limpos posibles e atados ou recollidos de tal xeito que faciliten a súa recollida. Unha vez que o punto de acopio teña unha acumulación de plásticos superior á metade da súa capacidade o Concello ponse en contacto coa empresa de recollida para que proceda a retiralos.
Xestión
Os residuos plásticos lixeiros e non perigosos recollidos recíclanse mediante un proceso mecánico no que se obtén granza. A granza plástica obtida utilízase como materia prima na fabricación de novos produtos plásticos, como bolsas de lixo e tubo de polietileno.
|
|
|
|
|
|