|
|
NOVAS |
O CONCELLO FELICITA Á SOBERINA SARA MÉNDEZ, GAÑADORA DO CONCURSO DE MÚSICA CONTEMPORÁNEA DO ROYAL COLLEGE OF MUSIC DE LONDRES
O Goberno local do Concello de Sober felicita a Sara Méndez, natural de Proendos, quen vén de gañar o concurso de música contemporánea do Royal College of Music de Londres.
Na actualidade a soberina, integrante da Banda de Música local, está a cursar un máster en Performance no conservatorio do Royal College of Music, becada polos Big Give Awards. O seu mestre é Martin Robertson.
Sara Méndez recoñece que se trata dunha satisfacción persoal recibir este recoñecemento no conservatorio londinense. “Sempre é unha motivación que se recoñeza o traballo que facemos”, engade.
O alcalde, Luis Fernández Guitián, agradece poder contar na Banda de Música local cunha integrante da súa talla musical, “unha saxofonista extraordinaria que xa ten ofrecido concertos en Sober e que leva o nome do Concello polo mundo adiante”, resume.
Traxectoria
Méndez, nacida en Sober en 1993, cursou estudos superiores na Aula Internacional de Saxofón do Conservatorio das Illas Baleares, un dos centros máis prestixiosos desta disciplina. En Palma estudou con Rodrigo Vila e David Brutti.
En 2014, coas Xuventudes Musicais de Sober, ofreceu un emotivo concerto na Igrexa de Proendos. Na actualidade cursa un máster de performance no Royal College of Music e fará o recital de fin de máster o día 28 deste mes.
|
|
|
|
|
|