|
|
NOVAS |
O GRUPO DE ROCK SÔBER VOLVERÁ A SOBER O VINDEIRO 19 DE XULLO PRESENTAR O SEU NOVO DISCO
Todo comezou no ano 2014. As xestións do alcalde, Luis Fernández Guitián, posibilitaron que o Concello de Sober e o grupo de rock co mesmo nome, Sôber, protagonizaran un novidoso irmandamento que rematou cun concerto gratuíto na Praza do Concello da localidade o 29 de xullo do ano 2014.
Catro anos despois o Concello de Sober e os integrantes desta veterana banda madrileña de rock selarán de novo a súa alianza cun novo concerto que se volverá celebrar na Praza do Concello o 19 de xullo ás 22:00 horas.
O alcalde, Luis Fernández Guitián, explica que desde que Sôber estivo en Sober se teñen convertido nuns auténticos embaixadores do noso Concello, dos nosos viños e da Ribeira Sacra. Así, é frecuente ver referencias ao seu paso por Sober nas súas redes sociais nas que sempre recordan con cariño a súa visita á localidade.
Así, Concello de Sober e Sôber celebrarán de novo compartir nome e para iso o grupo de rock presentará en directo e de balde o seu novo disco ‘La Sinfonía del Paradÿsso’ como unha forma de renovar os vínculos que o unen coa localidade.
O rexedor agradece persoalmente aos membros da banda -Carlos e Jorge Escobedo, Antonio Bernardini e Manu Reyes- a súa boa disposición para volver a Sober ao tempo que convida a toda a comarca e aos concellos limítrofes a participar no concerto do 19 de xullo, “un auténtico atractivo no verán da Ribeira Sacra”.
O rexedor subliña que “con este concerto, o Festival 17 grados Ribeira Sacra e a actuación de Carlos Núñez fan que o Concello de Sober se converta no mes de xullo nunha referencia musical a nivel internacional”.
|
|
|
|
|
|