|
|
NOVAS |
O CONCELLO DE SOBER PON EN MARCHA O SERVIZO ‘CONCILIA’ PARA A ATENCIÓN DO ALUMNADO ANTES E DESPOIS DA XORNADA ORDINARIA LECTIVA
O Goberno local do Concello de Sober estrea esta semana o servizo de conciliación familiar ‘Concilia’ destinado ao alumnado do Colexio Virxe do Carme. O obxectivo deste servizo é a atención ao alumnado de primaria antes e despois da xornada ordinaria lectiva.
O servizo ‘Concilia’ bota a andar con 16 alumnos e alumnas que se acolleron a algunha das modalidades posibles; unha de mañá, con horario de 07:45 a 09:30 horas, e outra de tarde, de 15:45 a 17:30 horas.
Con esta novidosa iniciativa o Goberno local pretende, tal e como explica o alcalde, o popular Luis Fernández Guitián, servir de axuda ás familias que o necesiten e que por motivos laborais ou doutro tipo queiran que os seus fillos poidan entrar antes ou saír máis tarde do Colexio.
Así, o Concello pon ao servizo das familias un profesional que atende a estes alumnos no propio centro escolar e se ocupa da programación de xogos e actividades.
Servizo de mañá e de tarde
Hai un servizo de madrugadores para atender aos escolares antes do horario ordinario. Funciona en horario de 7:45 a 9:30 da mañá no que o profesional se encarga da atención aos alumnos realizando diversas actividades que axudarán aos nenos e nenas a comezar o día da mellor maneira a través de xogos, actividades de lectura , debuxo, etc.
E xa polas tardes ofértase un servizo de ludotardes no que os nenos e nenas poden aproveitar para compartir cos seus compañeiros xogos e actividades antes de que os pais os recollan. O horario destas ludotardes é de 15:45 a 17:30 horas.
Fernández Guitián asegura que a iniciativa tivo unha importante acollida, na medida en que avanza na conciliación familiar ao tempo que permite que os nenos sigan aprendendo e divertíndose cos seus compañeiros.
|
|
|
|
|
|