NOVAS DO CONCELLO
 
NOVAS
O CONCELLO DE SOBER ANUNCIA QUE A FADISTA MARÍA DO CEO SERÁ A PREGOEIRA DA XXXIX FEIRA DO VIÑO DE AMANDI



O Concello de Sober anuncia que a fadista María do Ceo será a pregoeira da XXXIX Feira do Viño de Amandi, que este ano se celebrará na localidade a fin de semana do 13 e 14 de abril. O pregón será o domingo, día 14 de abril ao mediodía.
 
O alcalde de Sober, o popular Luis Fernández Guitián, recorda que a artista xa estivo recentemente dúas veces na localidade presentando os seus últimos traballos, concertos que tiveron un grande éxito. En concreto, en 2016 María do Ceo presentou o seu álbum ‘De Portugal a Galicia fado’ e o ano pasado, ‘Cancións para nenos e nenas’.
 
O Goberno local segue apostando así para dar o pregón o día grande da Feira do Viño de Amandi por persoas de recoñecido prestixio en diferentes ámbitos, nesta ocasión relacionadas coa música, como xa fixo en anos anteriores con pregoeiros de talla internacional, como a fadista de orixe portuguesa, así como Rosa Cedrón ou os gaiteiros Carlos Núñez e Cristina Pato. “Pregoeiros do mundo musical, xa que o Amandi e a Banda de Sober son dúas referencias do noso Concello”, precisa o rexedor.
 
A súa traxectoria
A día de hoxe, dicir María do Ceo é o mesmo que dicir fado. Considerada a sucesora de Amália Rodrigues por non poucos críticos, a súa é, sen embargo, unha traxectoria única na que se funde a melancolía do portugués coa dozura do galego.
 
As súas excepcionais dotes vocais e a súa innata musicalidade fan dos concertos de María do Ceo experiencias fascinantes que somerxen ao público na paixón e na tenrura do fado tradicional, pero tamén na personalidade dunha artista singular.
 
Embaixadora da cultura galega en todo o mundo, a súa destacada carreira internacional está enraizada no fado como inspiración básica e amosa esa identidade cultural luso-galaica que María do Ceo representa, pode que, mellor que ninguén.
 
Nacida na cidade portuguesa de Porto, respirou o fado desde o berce grazas a seu pai, fadista afeccionado. Cando contaba dez anos, a súa familia trasladouse a Ourense e nesa cidade viviu desde entón. De nena escoitaba os discos de Amália Rodrigues que seus país traían de Portugal, pero ao residir en Galicia nunca tivo contacto cos círculos de fados de Lisboa. Así desenvolveu unha forma de cantar diferente, na que as dúas tradicións conflúen cunha asombrosa naturalidade.
 


 
 
Historia do Concello
1·Historia
2·Patrimonio
3·Medio Natural
4·Lendas
5·Situación
Concello de Sober
1·Alcaldía
2·Corporación Municipal
3·Normativa Municipal
4·Secretaría
5·Contacto
Servizos do Concello
1·Enlaces
2·Axenda
3·Télefonos
4·Transporte Público
As Nosas Parroquias
 
Oficina de Turismo
1·Rutas
2·Aloxamentos
3·Festas
4·Galería Fotográfica
Novas do Concello
 
O Viño e Adegas
1·O Viño
2·Adegas
CONCELLO DE SOBER · RIBEIRA SACRA · AYUNTAMIENTO DE SOBER
Praza Campo da Feira s/n · 27460 · Sober · Lugo · 982 46 00 01 · 982 46 00 05
prodesin.com