A Biblioteca Municipal do Concello de Sober inicia este venres día 4 de outubro o programa de animación á lectura Merendas con contos dirixido a todos os nenos e nenas do municipio. As actividades programadas para este mes inclúen a celebración do Día Internacional da Biblioteca que se desenvolverá o último venres de outubro.
Con esta iniciativa o Concello de Sober pretende facer da lectura un vehículo de enriquecemento e aproveitamento persoal, polo que a Biblioteca se converte nun espazo de encontro e intercambio tanto para os máis novos como para os adultos. As actividades realizaranse todos os venres dende outubro ata xuño entre as 17 e as 18:30 horas.
Venres 5
O venres 5 a Biblioteca municipal acollerá a presentación do Proxecto Rato de biblioteca. Os nenos e nenas axudarán a buscar un espazo entre os libros no que os roedores Rita e Antón poidan facer o seu fogar. Esa tarde tamén se lerá o conto Nubes de Arnol Lobel. Por último, haberá un obradoiro de creación baixo o título “facemos un caixón de xastre” no que todos os nenos e nenas decorarán unha caixa co seu nome na que poder introducir o seu traballo ao longo dos meses que duran as Merendas con contos.
Venres 19
As actividades continúan o venres 19 co obradoiro de land-art Dámoslle a benvida ao outono. Os nenos e nenas serán os encargados de crear un mural con elementos propios desta estación. Ademais, lerase o volume Iago no outono de Liesbet Slegers.
Venres 26
O último venres do mes de outubro celebrarase o Día Internacional da Biblioteca, que se conmemorará cunha xornada de portas abertas e coa lectura do libro Os Bolechas queren saber cómo é a biblioteca, do autor Pepe Carreiro.
