O Concello de Sober celebra esta semana diferentes actos, organizados pola Biblioteca Municipal, para conmemorar o Día Internacional da Biblioteca. O primeiro deles terá lugar mañá mércores ás 12:00 horas no Colexio CEIP Virxe do Carme no que preto de 50 nenos e nenas de entre 3 e 11 anos participarán na lectura dun pregón elaborado para conmemorar esta data polo presidente da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil, José María Gutiérrez de la Torre.
No evento, ao que tamén están convidados os nenos e nenas do PAI Municipal de Sober, inflaranse globos decorados polos alumnos e alumnas con nomes de contos, autores ou as súas personaxes de ficción favoritas.
Campaña de captación de socios
Xa pola tarde, o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, ten previsto recibir na Biblioteca Pública á todos os membros da Corporación Municipal para convidalos a que se fagan socios e animen aos seus familiares e amigos a formar parte “da gran familia literaria de Sober”. Para iso, o alcalde faralles entrega dunha carta na que se enxalzan as posibilidades formativas e de entretemento que a lectura achega a persoas de todas as idades.
Fernández Guitián pon en valor a ampla oferta literaria, didáctica e de formatos que ofrece a Biblioteca Municipal, polo que se dirixirá a todos os gremios e colectivos do Concello co obxectivo de incrementar o número de socios. Así, na misiva que lles entregará refírese a un espazo “de referencia, encontro e intercambio tanto para os máis novos como para os adultos”.
Por último, e dentro da conmemoración do Día Internacional da Biblioteca, o venres 26 haberá unha xornada de portas abertas na que se levará a cabo a lectura do libro Os Bolechas queren saber cómo é a biblioteca, do autor Pepe Carreiro.
As actividades Merendas con contos continuarán todos os venres dende outubro e ata o mes de xuño, entre as 17 e as 18:30 horas.
