O Concello de Sober, coa colaboración de Sogama, prosegue coa campaña de compostaxe doméstica e coa mellora do sistema de recollida selectiva, polo que o alcalde, Luis Fernández Guitián, fixo entrega este martes de 40 novos composteiros a outras tantas familias do municipio. Sober convértese así nun dos Concellos de Galicia con máis composteiros repartidos por habitante, xa que a principios de ano outras 40 familias se sumaron a esta iniciativa.
As novas familias participantes na campaña recibirán a formación necesaria que lles permita aplicar a técnica con absolutas garantías, obtendo como resultado un compost de alta capacidade e rico en nutrientes. Ademais, o Concello de Sober vai distribuír 100 lotes formados por tres bolsas de rafia de cores reutilizables (amarela, azul e verde) para facer máis cómoda e eficaz a segregación de refugallos en orixe.
O alcalde explicou que nesta segunda convocatoria da campaña houbo 90 familias que solicitaron os composteiros, polo que o Concello estuda xa realizar unha terceira fase. Guitián invita a todos os interesados a anotarse no Concello para poder participar, así como a achegarse ás dependencias municipais para recoller os lotes de bolsas para a reciclaxe.
Beneficios ambientais, económicos e sociais
Luis Fernández Guitián destacou os beneficios “ambientais, económicos e sociais” desta campaña na que o compost obtido de experiencias anteriores cumpriu todos os requisitos de calidade impostos pola lexislación vixente para ser aplicado ao solo con totais garantías, tal e como certificou a Universidade de Santiago.
Tras a selección dos domicilios participantes no programa, as 40 familias recibirán formación nos pormenores da técnica. Os composteiros son recipientes ecolóxicos de 360 litros de capacidade, fabricados con polietileno reciclado e reciclable, nos que ten lugar a descomposición da materia orgánica baixo condicións favorables a nivel de osíxeno, temperatura e humidade.
As familias contarán en todo momento co asesoramento e supervisión dos mestres composteiros, o persoal ao servizo do Concello que se encarga de realizar un seguimento “porta a porta” co obxectivo de comprobar o traballo realizado e solucionar as posibles dúbidas que lles poidan xurdir. O Goberno local de Sober pretende garantir que a fabricación de compost se axuste ao protocolo establecido polos expertos, conseguindo un abono natural, rico en nutrientes, libre de axentes contaminantes e con gran poder fertilizante. O resultado pode ser utilizado nas propias hortas, xardíns e terras de cultivo dos donos de cada unha das vivendas.
100 novos lotes de bolsas
O alcalde tamén repartiu 100 novos lotes de bolsas para a correcta segregación de residuos en orixe. Trátase de bolsas de 20 litros de capacidade, pregables, reutilizables e 100% reciclables, estando conformado cada lote por unha amarela para os envases lixeiros; unha azul para o papel e cartón; e unha verde para o vidro. Dispoñen de asas para facilitar o seu manexo e facer máis cómoda a selección, ademais dun velcro que permite a unión entre as tres e unha serigrafía específica a través da que se recorda qué tipo de refugallo debe ir en cada unha delas.
Fernández Guitián destacou o dobre beneficio destas prácticas para o municipio. Así, referiuse as vantaxes para a protección do contorno natural e tamén ao beneficio económico derivado dun menor pago a Sogama polo descenso do lixo xenérico depositado nos contedores tradicionais. “Se reducimos os residuos pagaremos menos e poderemos atender outros servizos”, explica o alcalde.
