O Concello de Sober pon en marcha unha nova campaña de animación á lectura a través das ‘Merendas con contos’, que se celebrarán todos os venres do mes de novembro a partir das 17:30 horas na Biblioteca Municipal. As ‘Merendas con contos’ do mes de novembro estarán dedicadas aos oficios e a tradición oral. O Concello de Sober anima a participar a todos os veciños e veciñas que o desexen.
O próximo venres día 9 haberá dúas charlas, unha delas sobre Apicultura. As casas das abellas presentada por Iñaki Rodríguez Pérez e outra sobre Gandeiría. Se non é boi é vaca, a cargo de Tomás Pérez Castro. Nas actividades de contacontos leranse os volumes Casas de animais de Ángela Wilkes e A vaca de Adela Leiro e Xosé Ramón Daporta.
O seguinte venres, 16 de novembro, a conferencia será presentada por Elías González Prieto baixo o título Olería de Gundivós. Os participantes lerán o conto Un alfarero griego de Giovanni Caselli. O día 23 será o turno de Mercedes Rodríguez Álvarez e Ángela Rivas Rodríguez que pronunciarán un relatorio sobre As roscas de millán: coas mans na masa. A actividade de lectura inclúe o volume de Benigno Campos A cociña dos larpeiros.
Por último, o venres 30 de novembro será a quenda da tradición oral e a música a través dunha actividade baixo o título Cando falaban os burros e outros contos, presentado por Paula Vázquez Verao. A Asociación Cultural O Colado do Vento encargarase da actividade de contacontos que terá como protagonista a tradición oral no Concello de Sober.

Leave a Reply