O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, e a xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, asinaron esta mañá un protocolo de adhesión ao convenio subscrito entre o organismo autónomo Jefatura Central de Tráfico e a Federación Española de Municipios e Provincias (Femp) para o intercambio de información e a mutua colaboración administrativa, asinado en Madrid o 15 de marzo de 2006.
Tal e como recolle o convenio, o Concello de Sober comprométese a tramitar o cambio de domicilio dos permisos de conducción e circulación a través da remisión das solicitudes á Unidade provincial de Tráfico cunha periodicidade de quince días. Para poder levar a cabo o trámite é preciso que os interesados autoricen ao Concello a comunicar o cambio.
Ambas as partes apostan polo uso de medios telemáticos para realizar as notificacións, como arquivos dixitais ou correo electrónico, de cara a axilizar a execución do trámite solicitado.

Leave a Reply