O CONCELLO DE SOBER APROBA O REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO PARA O FUNCIONAMENTO DO CENTRO SOCIOCULTURAL E O XIMANSIO

  • Home
  • Novas
  • O CONCELLO DE SOBER APROBA O REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO PARA O FUNCIONAMENTO DO CENTRO SOCIOCULTURAL E O XIMANSIO

 
O Concello de Sober aprobou por unanimidade no Pleno do pasado xoves o regulamento de réxime interno a que se axustará o funcionamento do Centro Sociocultural e do ximnasio municipal. A prestación do servicio en ambas as instalacións, tal e como recolle o texto, levarase a cabo mediante xestión municipal directa con persoal e medios con cargo aos Presupostos ordinarios do Concello.
 
O Centro Sociocultural constitúe a sede fixa dos servizos municipais de cultura, tales como a biblioteca pública municipal, oficina municipal de información xuvenil, servizos sociais municipais, e escola municipal de música (e auditorio). A maiores, nas restantes salas e dependencias poderanse desenvolver actividades culturais de todo tipo, como conferencias, proxeccións, escenificacións, cursos e ensino, certames literarios e artísticos, concursos e exposicións, así como calquera outra que potencie a creatividade dos veciños. Para que así sexa terán que ser aprobadas e autorizadas polo órgano municipal competente.
 
Ademais, o Centro Sociocultural poderá servir de domicilio para aquelas asociacións do Concello que o soliciten. Todas elas disporán dunha taquilla e un buzón na aula de servizos múltiples.
 
Para a utilización por parte de calquera persoa individual ou xurídica de algunha das dependencias do Centro será necesario o permiso da Alcaldía ou concelleiro- delegado. Será obrigatorio solicitalo por escrito ou por medio dun impreso que será facilitado nas dependencias do Concello, cunha antelación mínima de 48 horas. No formulario debe desenvolverse a actividade que se pretende levar a cabo cunha breve explicación dos contidos e fins que se perseguen, así como o tempo de utilización e demais pormenores. No caso de utilización do auditorio municipal para ensaios, pediranse as chaves no Concello, e serán devoltas ao seu termo ou ao día seguinte se as oficinas municipais estivesen pechadas.
 
As dependencias que alberga o Centro Sociocultural suxeitaranse ao seguinte horario:
 
– Servizos Sociais: 8:30 -15:00 horas (días laborais).
– Biblioteca municipal: 11:00 a 13:00 e de 16:00 a 20:00 horas de setembro a xuño; de 9:00 a 14:00 horas en período estival, e permanecerá pechada durante o mes de vacacións da persoa encargada desta.
– Escola de Música: mércores tarde e sábados de mañá (se ben en función do horario do profesorado o día pode variar).
 
Préstamo bibliotecario
No caso concreto da Biblioteca, o regulamento tamén se ocupa do préstamo a domicilio, de carácter gratuíto. Así, os lectores deberán proverse da tarxeta de préstamo, cuxa expedición se fará efectiva coa entrega de dúas fotografías e a presentación de carné de identidade. No caso de existir deterioración dos libros ou a perda destes obrigarase o beneficiario do préstamo ao pagamento dunha multa que poderá chegar a ser equivalente ao dobre do valor actual dos libros prestados.

consultas@prodesin.com
http://www.prodesin.net/~sober


Leave a Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *