O escritor galego Ramón Blanco presenta mañá ás 19:00 horas na Biblioteca Municipal do Concello de Sober o seu libro Emily on the road, no marco das actividades organizadas polo Club de Lectura Pintor de Castinande. O encargado de facer a presentación do escritor será Xosé Manuel Eyré, profesor de galego no IES A Pinguela de Monforte.
Emily on the road(Unha viaxe ás terras do oeste) dálle nome ao poemario narrativo no que Ramón Blanco traballou entre 2006 e 2012. Esta historia, que o autor ten definido como "unha mestura de road movie e enterro aldeán", transcorre a través dunha longa noite, durante unha viaxe en coche que fan os dous protagonistas. Cun estilo esixente, desenvolve unha linguaxe herdeira da prosa espontánea de Jack Kerouac e dos poemas de Emily Dickinson, tal como xa se constata no propio título.
O autor conduce ao lector a través dun extenso poema narrativo que lle serve de pretexto para reflexionar sobre a morte, a loucura, a escrita “e outras rexións máis escuras”. A editorial é Acha Escrava.
As ilustracións interiores e mais o deseño da cuberta de Emily on the road son obra de M. M. Reino, que tamén ilustrara o libro Orfeu en soños, do mesmo autor.
O pasado 4 de novembro Ramón Blanco gañou o segundo torneo poético do Slam Arousa. http://certo.posterous.com/cultura-o-seguinte-torneo-poetico-de-slam-aro.
Biografía do autor
Ramón Blanco nace en 1979 en Cando (Outes) onde se criou. Aos 18 anos uniuse ao colectivo literario Sacou, de Noia, co que participa en diversos proxectos artísticos e culturais. Publicou os seus primeiros poemas nas revistas A Caramuxa e Casa da Gramática (do IES Virxe do Mar, no que estudara). En 2005 publica o seu primeiro libro individual, Orfeu en Soños da editorial Toxosoutos.

Leave a Reply