O CONCELLO DE SOBER PROGRAMA NUMEROSAS ACTIVIDADES PARA O NADAL

  • Home
  • Novas
  • O CONCELLO DE SOBER PROGRAMA NUMEROSAS ACTIVIDADES PARA O NADAL

O Concello de Sober elaborou un amplo programa de actividades para o Nadal destinadas tanto aos nenos e nenas, como aos adultos. O venres 14 comeza unha nova edición das ‘Merendas con Contos’ que no mes de decembro estarán dedicadas aos obradoiros de decoración e de postais. O sábado 15 haberá un concerto de Cuarteto de corda: ET ARSIS organizado polas Xuventudes Musicais de Sober. O acto terá lugar no Centro Sociocultural ás 19:00 horas.
 
Merendas con contos
Os próximos dous venres deste mes celebraranse as ‘Merendas con contos’ a partir das 17:30 horas na Biblioteca Municipal. Ademais dos obradoiros de decoración e postais, o venres 14 leranse os contos Unha pantasma con asma, de Carmen Gil e Marcela en Navidad, de Ana García.
 
O venres 21 os volumes elixidos foron O Apalpador, de Xoán G. e Contos de Reis e de Nadal de Miguel Vázquez Freire. Os nenos e nenas que participen na campaña de animación á lectura do Concello de Sober colaborarán tamén nos obradoiros cos que se decorará a Biblioteca Municipal e a Casa da Cultura a través da reutilización de diferentes materiais, como xornais ou plásticos.
 
Tres novos libros para o bookcroosing
No marco das actividades da Biblioteca Municipal liberaranse tres novos volumes no Parque de Sober dentro da actividade de bookcroosing a través da cal se deixan libros en diferentes puntos do municipio para que as persoas que queiran os leven para ler e, ao rematar, os volvan ao sitio no que os colleron. A actividade de animación á lectura iniciouse no mes de marzo en diferentes lugares, como o parque infantil, a Praza do Toural, a Praza do Pulpo e o ximnasio municipal. Tamén en parroquias como Arxemil, Canabal e Os Chancís. Ata o de agora xa foron liberados para esta práctica 31 libros.
 
Certames de poesía e postais
A programación da Biblioteca Municipal de Sober para o mes de decembro complétase con dous certames: un de poesía infantil e outro de postais de Nadal. Están convocados pola Biblioteca Nodal de Lugo en colaboración con todas as bibliotecas municipais da provincia. As categorías son tres: ata 8 anos, de 9 a 11 anos, e de 12 a 16 anos. O tema dos poemas e das postais é o Nadal e o prazo de entrega remata o día 21 de decembro.
 
Os galardoados na Biblioteca Municipal de Sober competirán en Lugo co resto de premiados da provincia. Con todos os traballos participantes farase unha exposición e a entrega de premios terá lugar na primeira quincena de xaneiro.
 
Concurso de beléns
A estes certames únese o concurso de beléns cuxa inscrición estará aberta ata o 28 de decembro no Centro Sociocultural de Sober, ou ben chamando ao 982.46.05.13. A visita aos beléns participantes será o día 3 de xaneiro e os galardóns daranse o día 11 de xaneiro. Neste certame poden participar tanto particulares, como asociacións ou parroquias e instalalos en espazos públicos ou privados.
 
Visita á residencia de maiores
Pola súa banda, o Club de Lectura Pintor de Castinande ten previsto visitar a residencia de maiores de Sober o mércores 19 de decembro ás 17:00 horas para recitar e ler panxoliñas que axuden a animar o Nadal aos traballadores e residentes do centro. O mesmo día ás 12:00 horas os Reis Magos reciben as cartas de todos os nenos e nenas no CEIP Virxe do Carme nun acto promovido polo Servizo Galego de Normalización Lingüística baixo o nome Lingua de Reis.  
 
Día 21, Festival de Nadal
O venres 21 de decembro é a quenda do festival de Nadal que se celebra no CEIP Virxe do Carme e no que se inclúe unha visita de Papá Noel ás 13:30 horas e actuacións de Nadal a partir das 14:00 horas.
 
Día 22, Concerto de Nadal
O sábado 22 ás 19:00 horas levarase a cabo a inauguración do Belén de Sober e da exposición in memoriam do artesá Sergio Navarro, que poderá ser visitada ata o 7 de xaneiro no Centro Sociocultural. Tamén o día 22 os alumnos da Escola Municipal de Música e a Banda de Música de Sober ofrecen un concerto de Nadal ao que acompañará a presenza de Papá Noel. Será no Centro Sociocultural a partir das 18:00 horas.
 
4 de xaneiro, visita dos Reis Magos
Por último, o 4 de xaneiro Sober recibe a visita dos Reis Magos que ás 12:00 horas estarán no PAI e ás 18:30 no Centro Sociocultural. Ás 19:00 horas haberá unha actuación de Teatro Monart con marionetas. 

consultas@prodesin.com
http://www.prodesin.net/~sober


Leave a Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *