O Concello de Sober xunto coas Xuventudes Musicais do municipio organizaron un concerto do Cuarteto ET ARSIS para mañá sábado, no marco da programación Música no Outono. A actuación será ás 19:00 horas no Centro Sociocultural. O programa do concerto estará composto por unha peza de Joaquín Turina, unha de Mozart e outra de Schumann.
É o primeiro dos actos promovidos polo Concello de Sober para este mes ao que seguirá un Festival e un Concerto de Nadal e diferentes certames, entre eles un de poesía de Nadal, un de postais e outro de beléns. Tamén está previsto que visiten a localidade tanto Papá Noel, como os Reis Magos de Oriente.
Traxectoria de ET ARSIS
O Cuarteto ET ARSIS está composto por Hristina Taneva, piano; Velislava Taneva, violín; Ainis Kasperavičius, viola e Diego Hernández Suárez, violonchelo. Dende a súa formación no ano 2005 recibiu numerosos premios en concursos internacionais. Os catro mozos músicos son galardoados en 2007 co Segundo Premio no concurso Walter Gieseking en Saarbrücken (Alemaña). Nos anos 2008 e 2010 reciben unha beca da Fundación Bruno Elisabeth Meindl; en 2009 ganan o Primeiro Premio no concurso Ecoparque de Trasmiera en Arnuero (Cantabria) e son premiados no concurso de música de cámara da Asociación Friedrich-Jürgen-Sellheim en Hanóver, o que lles brinda a oportunidade de dar concertos durante dous anos por toda Alemaña.
Así mesmo, o cuarteto é promovido pola Kulturradio WDR 3 alemana, tras o éxito obtido na súa participación na Open Auditions Initiative. No 2011 gaña o Premio Especial Interclassica ao Cuarteto con piano máis prometedor, galardón outorgado por Eleanor Hope, directora da famosa axencia de artistas Interclassica. En Novembro do mesmo ano reciben o Primeiro Premio no Certamen Internacional de Xóvenes Intérpretes Pedro Bote en Villafranca de los Barros (Badaxoz).
O Cuarteto Et Arsis actúa en diferentes salas de concertos de Bulgaria, Francia, Lituania, Austria e España. En Alemaña ofrece con frecuencia recitais en ciclos como o Homburger Meisterkonzerte ou o International Musikfest Goslar-Harz e participa en numerosos festivais internacionais como no Sofia Music Summer (Bulgaria), Festival de Música de Sopelana (Vizcaya), Festival de Música de Zumaia (Guipúzcoa), Quincena Musical de San Sebastián e Festival de Música Contemporánea Iš Arti en Kaunas (Lituania).
O cuarteto realiza numerosas gravacións de estudio en colaboración coa Saarländische Rundfunk. Tamén gravan concertos en directo para a SR, SWR e WDR alemanas e para a radio de Bulgaria. Ademais a televisión búlgara ten retransmitido unha reportaxe sobre a xira dos catro músicos polo país.
Da man de grandes mestres
Fundado na Hochschule für Musik Saar (Saarbrücken), o cuarteto comeza a traballar cos profesores Tatevik Mokatsian e Eduard Brunner. Tamén reciben consellos de grandes mestres da talla de Bruno Canino, Eberhard Feltz, Heime Müller, Ralf Gothoni, Paul Rivinius, Johannes Meissl, Richard Young, Stefan Metz, Ferenc Rados, o Cuarteto Artemis, o Cuarteto Vogler, o Mozart Piano Quartet e o Cuarteto Ysaÿe.
Actualmente traballan intensamente cos Profesores Andreas Reiner e Hatto Beyerle. En Maio de 2012 o cuarteto actuou nos Odenthaler Kammerkonzerte. O concerto foi grabado en directo pola WDR Hörfunk e retransmitido posteriormente pola WDR 3.
Programa do concerto
JOAQUÍN TURINA (1882-1949)
Cuarteto para piano e cordas en la menor, op. 67 (1931)
Lento – Andante mosso
Vivo
Allegretto
WOLFGANG AMADEUS MOZART (1756-1791)
Cuarteto con piano, en mi bemol maior, K.493 (1786)
Allegro
Larghetto
Allegretto
ROBERT SCHUMANN (1810-1856)
Cuarteto para piano e cordas, en mi bemol maior, op. 47 (1842)
Sostenuto assai – Allegro ma non troppo
Scherzo: Molto vivace
Andante cantabile
Finale: Vivace

Leave a Reply