AS PRÓXIMAS ‘MERENDAS CON CONTOS’ DO CONCELLO DE SOBER ESTARÁN DEDICADAS AO ENTROIDO

  • Home
  • Novas
  • AS PRÓXIMAS ‘MERENDAS CON CONTOS’ DO CONCELLO DE SOBER ESTARÁN DEDICADAS AO ENTROIDO

As ‘Merendas con contos’ organizadas pola Biblioteca Municipal do Concello de Sober para os próximos tres venres estarán dedicadas ao Entroido. Mañá, venres 18 de xaneiro, os nenos e nenas coñecerán e aprenderán a elaborar compadres e comadres ao xeito tradicional de Sober. As veciñas da parroquia soberina de Anllo, Ana Mari e Aurelia, serán as encargadas de ensinarlle a todos os participantes a facer bonecos con palla.
 
Os compadres e comadres nacidos da tarde de mañá van ser queimados o xoves 31 de xaneiro (Xoves de Compadres) e o 7 de febreiro (Xoves de Comadres), tal e como marca a tradición do Concello de Sober, nomeadamente na parroquia de Anllo e nos lugares de Matamá e Arxemil. A actividade consiste en facer os compadres e comadres con palla e roupa de homes e mulleres “collida prestada” dos tendais, nun xogo entre homes e mulleres que se remonta moitos anos atrás.
 
Venres, 25 de xaneiro
O venres 25 de xaneiro as ‘Merendas con contos’ centraranse en coñecer o Entroido da comarca, concretamente o de Salcedo. O integrante da Asociación de veciños de Salcedo, Felipe Castro López, visitará a Biblioteca Municipal de Sober para falar dun entroido moi particular e participativo que é o que fan os veciños da Pobra de Brollón e que consiste na saída do oso cos seus criados.
 
Venres, 1 de febreiro
Por último, o venres 1 de febreiro lavarase a cabo o obradoiro de máscaras a partir dos textos Animalotes, un libro de máscaras, de Pepe Carreiro e O Entroido, do colectivo Ollo de sapo.  

consultas@prodesin.com
http://www.prodesin.net/~sober