O Concello de Sober celebra o próximo día 31 de xaneiro o xoves de Compadres coa queima diante da Casa da Cultura dos bonecos de palla que estas semanas está a elaborar os participantes nas ‘Merendas con contos’ na Biblioteca Municipal. O 7 de febreiro será a quenda da queima das comadres. Ambos os actos desenvolveranse o xoves 31 e o xoves 7 ás 19:00 horas.
O día 9 de febreiro, sábado, celebrarase o desfile de Entroido no que unha gran comparsa percorrerá as rúas de Sober, formada por integrantes da Banda de Música, do PAI, do CEIP Virxe do Carme e veciños e veciñas participantes da localidade. Ao rematar o desfile haberá unha merenda no Centro Sociocultural para os integrantes da comparsa.
A partir das 19:30 horas comezará o VII ‘Baile da Cachucha’ na Praza do Concello, ao que están invitados todos os veciños e veciñas e que contará cunha degustación gratuíta de cachucha e viño para conmemorar o Entroido. O baile, que estará amenizado polo dúo Atrévete, está organizado polo Concello de Sober en colaboración co Bar Parada, a Bodeguilla de Marce, e as Panaderías de Sober, de Canabal e de Siós.
Tamén haberá premios para os mellores disfraces nas categorías: individual, parellas, grupos, grupo máis orixinal e infantil.
Por outra banda, a Asociación de Veciños de Neiras organiza tamén para o día 9 unha cea baile de Entroido no local social e en Doade a Asociación de Veciños celebra unha laconada no Restaurante O Castelo. Ademais, a Asociación de Veciños de Canabal organiza un xantar de Entroido o mesmo día 9.
