A OFICINA DE REHABILITACIÓN DO CONCELLO DE SOBER APROBOU 36 ACTUACIÓNS NA PRIMEIRA FASE DO ARI, O QUE SUPORÁ UN INVESTIMENTO DE MÁIS DE 640.000 EUROS

  • Home
  • Novas
  • A OFICINA DE REHABILITACIÓN DO CONCELLO DE SOBER APROBOU 36 ACTUACIÓNS NA PRIMEIRA FASE DO ARI, O QUE SUPORÁ UN INVESTIMENTO DE MÁIS DE 640.000 EUROS

A Oficina de Rehabilitación do Concello de Sober vén de rematar a primeira fase do proxecto de recuperación integral do municipio (ARI), no marco do cal se atenderon a 125 interesados e se aprobaron un total de 36 actuacións, que suporán un investimento de 645.960 euros. As subvencións concedidas aos propietarios das vivendas, financiadas pola Xunta de Galicia, ascenderon a 290.000 euros. O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, avanza que a segunda fase da Área de Rehabilitación Integral comezará o mes próximo.
 
As actuación aprobadas levaranse a cabo nas parroquias de Canabal, Doade, Figueroá, Anllo Santo Estevo, Pinol, Proendos, Rosende, Gundivós, Brosmos, Santiorxo e na propia capitalidade municipal. O rexedor local recorda que esta actuación integral “é posible grazas a que Sober foi o primeiro Concello de Galicia no que o ARI afecta a todo o termo municipal”. En concreto, 2.328 vivendas que supoñen preto do 90% dos inmobles de Sober.
 
Destinatarios das axudas
As axudas están destinadas a propietarios cunha antigüidade superior a dez anos, que non superen os ingresos máximos estipulados na normativa para áreas de rehabilitación do medio rural con menos de 5.000 habitantes, e que destinen as vivendas a domicilio habitual ou permanente polo menos durante cinco anos tras a finalización das obras de rehabilitación. O desenvolvemento deste proxecto permite ademais preservar os 269 elementos catalogados cos que conta o Concello de Sober.
 
As subvencións para pór en valor os edificios son adxudicadas a fondo perdido polo 75% do valor do orzamento, pero sempre ata un máximo de 11.600 euros.
 
O rexedor de Sober destaca a importancia do proxecto no sector da rehabilitación, así como na dinamización que pode significar do mercado laboral. Fernández Guitián anima aos veciños a interesarse por esta liña de axudas que permite mellorar a habitabilidade das vivendas e dignificar a imaxe do municipio, un aspecto que, subliña, “redundará de xeito positivo no turismo”.  
 
 

consultas@prodesin.com
http://www.prodesin.net/~sober