O ALCALDE DE SOBER SUBLIÑA QUE OS VERDADEIROS PROTAGONISTAS DA XXXIII FEIRA DO VIÑO DE AMANDI SERÁN OS COLLEITEIROS QUE ANO TRAS ANO ELABORAN “O MELLOR VIÑO DO MUNDO”

  • Home
  • Novas
  • O ALCALDE DE SOBER SUBLIÑA QUE OS VERDADEIROS PROTAGONISTAS DA XXXIII FEIRA DO VIÑO DE AMANDI SERÁN OS COLLEITEIROS QUE ANO TRAS ANO ELABORAN “O MELLOR VIÑO DO MUNDO”

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, acompañado doutros membros da Corporación, de 23 adegueiros do municipio, e da delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, participou hoxe na presentación oficial da XXXIII Feira do Viño de Amandi, un acto que se celebrou no vangardista Miradoiro da Cividade, na parroquia de Bolmente. Fernández Guitián subliñou que os verdadeiros protagonistas desta edición da Feira son colleiteiros que ano tras ano elaboran “o mellor viño do mundo”.
 
O convidado de honra na celebración desde ano é o Concello de Pantón. Neste edición estarán de novo á venda cataviños co seu colgador e tamén copas grandes. Os colleiteiros vestirán uniformados nos seus respectivos postos, que estarán colocados nunha carpa en forma de iglú na Praza da Concello e cunhas dimensións maiores cas do ano pasado, de 40×40.
 
No acto da Cividade tamén foi presentado o cartel anunciador, elaborado pola recoñecida pintora, natural de Neiras, Emilia Salgueiro. A Feira do Viño de Amandi é a máis veterana de todas as que se celebran na Ribeira Sacra e a única declarada como Festa de Galicia de Interese Turístico.
 
Programa de actos
No acto desenvolvido hoxe deuse a coñecer o completo programa que o Concello e os adegueiros deseñaron para celebrar a XXXIII Feira do Viño de Amandi, que terá lugar en Sober os días 23 e 24 de marzo. A Festa comezará o día 23 ás 11:30 horas co disparo de bombas de palenque anunciando o inicio Feira. Ás 12:00 será a apertura oficial a cargo da adega Viña Ferreiro, en lembranza de Pedro Pérez Fernández, recentemente falecido. De seguido haberá unha actuación dun grupo de música tradicional.
 
Xa pola tarde, a partir das 18:00 horas haberá un concerto a cargo da Banda de Música de Sober. Ás 18:30  está fixado o comezo da precata oficial, na sala de catas ubicada no Centro Sociocultural. Ás 19:30 horas será a actuación dun grupo de música tradicional e ás 23:00 horas, un dos pratos fortes da celebración: a actuación do grupo folk Quempallou.
 
Domingo 24 de marzo
A Feira do Viño segue o 24 de marzo desde as 10:30 horas, momento no que se dispararán 23 bombas de palenque, na honra de cada un dos adegueiros participantes. Ás 10:45 será a actuación da Charanga NBA e ás 11:00 horas o pasarrúas da Banda de Sober. Ao remate, a partir das 11:30 horas, comeza a cata oficial, na sala de catas do Centro Sociocultural de Sober. Á mesma hora será a misa solemne coa bendición de ramos na Igrexa do municipio.
 
A recepción de autoridades está prevista para as 12:30 horas e a lectura do pregón para as 13:00 horas. De seguido, a Banda de Música de Sober fará o estreo público da muiñeira Alfareiros de Gundivós, obra do compositor Juan Lois. O acto inclúe ademais unha homenaxe aos veciños de Sober nacidos en 1981 coa I Feira do Viño de Amandi que seguen vivindo no Concello. Para rematar, a entrega de premios aos adegueiros gañadores da cata.
 
Ás 20:00 horas será o colofón da feira coa Orquestra Poceiro. O sábado tamén se inaugurará unha exposición de pintura na Casa da Cultura de José Sanjurjo Matilla, veciño de Rosende. Estará aberta ao público durante quince días.
 
Mes do Amandi
Entre o día 23 de febreiro e o 23 de marzo desenvolverase o ‘Mes do Amandi’, un conxunto de actividades semanais que servirán de antesala da XXXIII edición da Feira do Viño. Tras a presentación no Miradoiro da Cividade, o seguinte acto será o 26 de febreiro e consistirá no curso Cociñando con viño que impartirá Marco Varela, premio Mellor cociñeiro de Galicia e chef do Hotel Palacio de Sober. O curso levarase a cabo de 15:30 horas a 18:30 no Colexio Virxe do Carme e está destinado a cociñeiros e cociñeiras dos establecementos hoteleiros e casas de turismo rural do municipio.
 
Entre os días 6 e 10 de marzo, o Concello de Sober e a Feira do Viño de Amandi terán presenza nun stand promocional na mostra gastronómica Xantar, en Expourense. A seguinte das actividades do Mes do Amandi será o 12 de marzo, día no que a unidade móbil da Irmandade de Doantes de Sangue de Galicia visitará Sober. A novidade reside en que  cada unha das persoas doantes recibirá como compensación unha botella de viño de Amandi. O horario de recollida será de 10:30 a 14:00 horas na Praza do Concello.
 
A última das actividades do Mes do Amandi será o 18 de marzo e consistirá nunha cata comentada dirixida por Bruno Lobelle, finalista da ‘Nariz de Oro’ de España, destinada ás xogadoras do Clube de Voleibol da Superliga feminina A.D. A Pinguela. Será ás 18:00 horas no Centro Sociocultural de Sober.
 
Resumo do mes do Amandi:
23 de febreiro. Presentación oficial en Bolmente.
26 de febreiro. Curso ‘Cociñando con viño’.
Do 6 ao 10 de marzo. Presenza na Mostra Gastronómica ‘Xantar’.
12 de marzo. Unha botella de viño por cada doante de sangue.
18 de marzo. Cata comentada para as xogadores da Pinguela.
 
Adegas inscritas na XXXIII Feira do Viño de Amandi.
Trátase de bodegas que estarán amparadas polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

A man de prado, As muras, Algueira, Anzio, Barbado, Cividade, Conde de Piantes, Cruceiro, Decima, Don Bernardino, Estrela, Guimaro, Lucenza, Marcelino I, Naz, O Regueiral, Rectoral de Amandi, Regina Viarum, Surga I, Tear, Val da lenda, Viña Cazoga e Viña Ferreiro.
 
 
 

consultas@prodesin.com
http://www.prodesin.net/~sober