O CONCELLO DE SOBER DÁ A COÑECER OS MEMBROS DO COMITÉ DA CATA OFICIAL DA XXXIII FEIRA DO VIÑO DE AMANDI

  • Home
  • Novas
  • O CONCELLO DE SOBER DÁ A COÑECER OS MEMBROS DO COMITÉ DA CATA OFICIAL DA XXXIII FEIRA DO VIÑO DE AMANDI

O Concello de Sober contará con destacados persoeiros vinculados ao mundo da enoloxía como xurado da Cata Oficial da XXXIII Feira do Viño de Amandi que se desenvolverá na localidade lucense entre os días 23 e 24 de marzo e na que participarán 23 colleiteiros.
 
Así, os membros do comité da Cata oficial, fixada para o domingo 24 de marzo ás 11:30 horas no Centro Sociocultural de Sober, serán os que seguen. O xurado será o mesmo para a precata prevista para o sábado 23 ás 18:30 horas.
 
–         Alfonso Losada Quiroga, xefe de sección de enoloxía da Estación enolóxica de Galicia.
–         María Sineiro Fontenla, enóloga. Profesora titular de enoloxía e cata de viño de IDE, (Instituto de Directivos de Empresas).
–         Waldo Carreras Albo, xefe de servizo de promoción agroalimentaria da Consellería de Medio Rural e Mar.
–         Pablo Estévez Melendez, enólogo. Membro de diversos comités de cata.
–         Bruno Lobelle Fernández, sumilier do Hotel Palacio de Sober, finalista do campeonato Nacional Nariz de Oro 2012.
 
A edición deste ano
O convidado de honra na celebración desde ano é o Concello de Pantón. Neste edición estarán de novo á venda cataviños co seu colgador e tamén copas grandes. Os colleiteiros vestirán uniformados nos seus respectivos postos, que estarán colocados nunha carpa en forma de iglú na Praza da Concello e cunhas dimensións maiores cas do ano pasado, de 40×40.
 
A Feira do Viño de Amandi é a máis veterana de todas as que se celebran na Ribeira Sacra e a única declarada como Festa de Galicia de Interese Turístico.
 
Segue o ‘Mes do Amandi’
Para continuar co ‘Mes do Amandi’, entre os días 6 e 10 de marzo, o Concello de Sober e a Feira do Viño de Amandi terán presenza nun stand promocional na mostra gastronómica Xantar, en Expourense. A seguinte das actividades será o 12 de marzo, día no que a unidade móbil da Irmandade de Doantes de Sangue de Galicia visitará Sober. A novidade reside en que  cada unha das persoas doantes recibirá como compensación unha botella de viño de Amandi. O horario de recollida será de 10:30 a 14:00 horas na Praza do Concello.
 
A última das actividades do ‘Mes do Amandi’ será o 18 de marzo e consistirá nunha cata comentada dirixida por Bruno Lobelle, finalista da ‘Nariz de Oro’ de España, destinada ás xogadoras do Clube de Voleibol da Superliga feminina A.D. A Pinguela. Será ás 18:00 horas no Centro Sociocultural de Sober.
 
Adegas inscritas na XXXIII Feira do Viño de Amandi:
Todas as adegas estarán amparadas polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
A man de prado, As muras, Algueira, Anzio, Barbado, Cividade, Conde de Piantes, Cruceiro, Decima, Don Bernardino, Estrela, Guimaro, Lucenza, Marcelino I, Naz, O Regueiral, Rectoral de Amandi, Regina Viarum, Surga I, Tear, Val da lenda, Viña Cazoga e Viña Ferreiro.
 
 

consultas@prodesin.com
http://www.prodesin.net/~sober