MEDIO AMBIENTE OUTORGA A APROBACIÓN DEFINITIVA AO PXOM DE SOBER, UN DOCUMENTO QUE FOMENTA A REHABILITACIÓN DO PATRIMONIO EXISTENTE

  • Home
  • Novas
  • MEDIO AMBIENTE OUTORGA A APROBACIÓN DEFINITIVA AO PXOM DE SOBER, UN DOCUMENTO QUE FOMENTA A REHABILITACIÓN DO PATRIMONIO EXISTENTE

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de aprobar de xeito definitivo total o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Sober, na provincia de Lugo. Así o manifestou hoxe o conselleiro Agustín Hernández durante a súa visita a este municipio, no que concretou que este paso significa a culminación dun traballo que se leva desenvolvendo desde que en agosto de 2009 se aprobara de xeito parcial este plan.
 
Hernández explicou que o documento, tal e como se solicitou no momento da aprobación definitiva parcial, elimina o novo crecemento residencial de 120.000 metros cadrados proposto na parroquia de Arroxo. Ademais clasifícanse como solo rústico de protección forestal os bosques de ribeira e limítase a altura das edificacións.
 
Este planeamento urbanístico, que rexerá o deseño de Sober durante a vindeira década, prevé 70 novas vivendas en catro solos urbanos non consolidados e un total de 1.200 en núcleo rural. O plan recolle 125.000 metros cadrados para espazos libres e zonas verdes e máis de 63.000 para equipamento comunitario, unha cifra superior ao esixido pola lei, concretamente un 55% máis.
 
No seguinte cadro amósanse as superficies dos distintos tipos de solo deste municipio.
 


SOLO
SUPERFICIE %
TOTAL CONCELLO 133,66 km2 100%
SOLO URBANO 0,44 km2 0,33%
      Urbano Consolidado                  0,40 km2 0,30%
      Urbano Non consolidado 0,04 km2 0,03%
SOLO URBANIZABLE
             Urbanizable no delimitado
0,52 km2 0,39%
SOLO DE NÚCLEO RURAL 5,70 km2 4,26%
SOLO RÚSTICO 126,98 km2 95,00%
              Rústico de especial protección 126,87km2 94,92%
              Rústico de protección ordinaria 0,11km2 0,08%
 

 
Rehabilitación
O responsable de Medio Ambiente indicou que este documento aprobado definitivamente axudará a limitar as novas construcións urbanísticas co fin de potenciar a rehabilitación do patrimonio existente.
 
A Xunta de Galicia defende a rehabilitación como unha actividade prioritaria para recuperar o patrimonio, mellorar a calidade de vida da poboación e crear empregos. Neste senso, Sober conta coa súa Área de Rehabilitación Integral (ARI), que dispón de preto de 400.000 euros asignados e que xa recibiu 43 solicitudes concretas para realizar actuacións de rehabilitación.
 
A área declarada comprende todo o concello e poderá beneficiarse das axudas para ARI de carácter rural e de menos de 5.000 habitantes. O número de vivendas que poden acollerse á rehabilitación no ámbito desta área é de 2.328, preto do 90% dos inmobles deste municipio que ten unha poboación de 2.599 habitantes.
 
A nova área de rehabilitación permitirá aos propietarios destas vivendas acceder a axudas sempre e cando teñan unha antigüidade superior a dez anos, non superen os ingresos máximos estipulados e as destinen a domicilio habitual e permanente, polo menos durante cinco anos, tras a finalización das obras de rehabilitación.
 
Impulso dos PXOM
A Consellería de Medio Ambiente está a impulsar a tramitación eficiente dos planeamentos urbanísticos dos concellos galegos. O Goberno galego aprobou na pasada lexislatura dúas ordes, por un importe total de 13 millóns de euros, destinadas unicamente á tramitación dos planeamentos. Cabe concretar que caso de Sober, a axuda para a redacción do PXOM ascendeu a 84.000 euros.
 
Trátase do sexto PXOM que se aproba de xeito definitivo nesta lexislatura e xa son 67 os concellos que teñen planeamento adaptado á lei vixente. É ademais o primeiro concello da comarca de Terra de Lemos que dispón dun planeamento aprobado, xa que os restantes municipios están a tramitar os respectivos planeamento.
 
Hernández sinalou que co fin de seguir na liña de apoio financeiro, técnico e de asesoramento en materia urbanística, ofreceráselles aos concellos de menos de 5.000 habitantes –que actualmente ascenden a un total de 199–  a posibilidade de que a Xunta de Galicia asuma a redacción dun plan básico de ordenación municipal. Esta colaboración suplirá as carencias técnicas, humanas ou económicas que lle impidan ás pequenas administracións locais dotarse desta figura para ordenar e xestionar o seu territorio.
 
 

consultas@prodesin.com
http://www.prodesin.net/~sober