O ALCALDE DE SOBER AFIRMA QUE DEFENDERÁ OS INTERESES DO SEU CONCELLO E DOS VECIÑOS EN RELACIÓN COS LINDES DO POLÍGONO

  • Home
  • Novas
  • O ALCALDE DE SOBER AFIRMA QUE DEFENDERÁ OS INTERESES DO SEU CONCELLO E DOS VECIÑOS EN RELACIÓN COS LINDES DO POLÍGONO

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, afirma que defenderá os intereses do seu Concello e dos veciños en relación co conflicto dos lindes que enfronta ao municipio con Monforte. En relación coa moción que onte aprobou o Pleno de Monforte, o rexedor local amósase “tranquilo” e convencido de que o terreo que lle corresponde a Sober “é como mínimo o que establece o Instituto Xeográfico Nacional”.
 
Fernández Guitián explica que a moción aprobada onte polo PSOE e o BNG de Monforte abre dúas frontes. Dun lado están os límites municipais que o rexedor local cre “que non deberan ser orixe de debate”. “O importante é que se instalen empresas no polígono. Ademais este non sería o único caso no que se comparta terreo”. Guitián cita o exemplo de polígonos que pertencen ata a 4 concellos.
 
Sobre os terreos municipais, o alcalde de Sober precisa que o Goberno local “está conforme coa delimitación actual” co obxectivo de non entrar en polémicas e pese a saber “que temos máis terreo do que nos dan”.
 
A segunda das frontes ten que ver con 21 parcelas que foron usurpadas parcial ou totalmente aos veciños de Neiras cando se acometeu a última ampliación do polígono do Reboredo. Nese caso, expón o rexedor, “poremos os medios precisos ao noso alcance e imos ofrecerlles a nosa colaboración para que sexan indemnizados porque Sigalsa está vendendo a propiedade de particulares”. “Nós temos documentos históricos e actuais e non palabras”, engade o rexedor.
 
Pasos a dar
En relación coa moción presentada polo PSOE de Monforte e aprobada co apoio do BNG e a abstención do PP, o alcalde de Sober anuncia que responderán de xeito oficial a aqueles aspectos que lle sexan requiridos polo Goberno da cidade do Cabe. Fernández Guitián destaca que emenda presentada polo Grupo Municipal do PP de Monforte no Pleno de onte lle parece “aceptable”, posto que implicaba levar a cabo unha negociación entre ambos os concellos. “Parécenos que o máis lóxico houbera sido resolver esta polémica pola vía do diálogo”, conclúe.
 

consultas@prodesin.com
http://www.prodesin.net/~sober