O Concello de Sober organiza, xunto coa Escola Municipal de Música de Sober e en colaboración co Colexio Virxe do Carme, o concerto didáctico ‘Odaiko nas Escolas’, no que participarán preto de 400 escolares da Comarca de Lemos. A actuación terá lugar o venres no auditorio do Centro Sociocultural de Sober.
Ademais do Colexio Virxe do Carme de Sober, o PAI municipal e a Escola de Rosende, o Concello convidou aos alumnos dos centros escolares CEIP Monte Baliño de Ferreira de Pantón, CEIP Rosalía de Castro de Bóveda, CPI Dr. López Suárez do Saviñao e ao IES Daviña Rei de Monforte. A cantidade de convidados obrigou á organización a facer dous pases, un ás 10:30 e outro ás 12:00 do mediodía.
Odaiko
O conxunto Odaiko é un grupo instrumental de percusión, integrado por músicos licenciados en percusión clásica, contemporánea e jazz no Conservatorio de Amsterdam e no Real Conservatorio da Haia. Aínda que os integrantes do grupo xa se coñeceran en Galicia, foi ao chegar a Holanda cando puxeron en práctica a idea de tocar xuntos, primeiro como dúo, despois como trío e máis tarde como Odaiko Percussion Group.
O concerto desenvólvese arredor dunha narradora que abre e dá paso a cada unha das obras. Todo o repertorio do seu concerto didáctico é orixinal para percusión e foi composto por algúns autores destacados da composición para percusión. Algunhas das pezas foron creadas polos propios membros do grupo.
