O CONSELLEIRO DE ECONOMÍA E INDUSTRIA FIXO A SÚA PRIMEIRA VISITA INSTITUCIONAL DESDE QUE FOI NOMEADO AO CONCELLO DE SOBER

  • Home
  • Novas
  • O CONSELLEIRO DE ECONOMÍA E INDUSTRIA FIXO A SÚA PRIMEIRA VISITA INSTITUCIONAL DESDE QUE FOI NOMEADO AO CONCELLO DE SOBER

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, resaltou hoxe, durante unha visita ao Concello de Sober, o labor que está a desenvolver a Xunta de Galicia en apoio aos municipios galegos, co obxectivo de cooperar no desenvolvemento das distintas actividades que contribúen a súa mellora económica e social.

Neste sentido, a Consellería incrementou no último ano un 40% as partidas das ordes de axudas enfocadas a concellos. Este apoio ponse de manifesto na comarca de Lemos con máis de 2,7 millóns de euros investidos nos últimos catro anos, favorecendo a execución de proxectos en campos tan importantes como o comercio ou a enerxía.

Durante o percorrido realizado ás novas instalacións da zona comercial Campo da Feira e Praza do Toural, o titular de Economía e Industria puxo en valor o papel do comercio galego como elemento dinamizador das vilas da Comunidade. As actuacións levadas a cabo neste lugar teñen permitido o acondicionamento do campo da feira, potenciando unha cita da que se benefician os veciños e visitantes de Sober.

Neste contexto de apoio ás administracións locais, o programa do Inega para substitución de luminarias públicas por outras máis eficientes destinou máis de 230.000 euros á Terra de Lemos na pasada lexislatura, xerando aforros económicos e enerxéticos próximos ao 50% nas facturas eléctricas das zonas beneficiadas.

Para mellorar estas cifras, a Consellería de Economía e Industria activou recentemente a Unidade de Aforro Eléctrico Local que, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), configúrase como un servizo pioneiro que está a prestar un apoio integral de asesoría enerxética en materia de subministración.

Esta Unidade integra un servizo multidisciplinar para resolver as dúbidas dos municipios, permitindo realizar auditorías enerxéticas on-line e revisar irregularidades na facturación a través de ferramentas informáticas dispoñibles na páxina web do Inega. Ademais, por medio do Laboratorio de Metroloxía desenvolveranse inspeccións co obxectivo de verificar o correcto funcionamento dos contadores naqueles concellos que o soliciten.

Así mesmo, o Instituto Galego de Consumo mediará coas empresas comercializadoras. Para ilo, está previsto reforzar a oficina de atención da Fegamp, que incorporará persoal especializado en realizar ditas mediacións.
 

consultas@prodesin.com
http://www.prodesin.net/~sober