O Concello de Sober vivirá unha intensa fin de semana festiva, deportiva, cultural e relixiosa, que comeza o venres coas Festas de San Antonio en Bolmente. Ás dez da noite haberá unha paella gratuíta para todos os que queiran achegarse e a actuación da Orquestra Isla.
O sábado día 15 ás 13:30 horas haberá unha misa e procesión, seguida da sesión vermú acompañada polo grupo Atrévete. Ás 21:00 horas actuación de Abanico e Atrévete e ás 24:00 horas sesión de fogos de artificio. O domingo 16 haberá misa e procesión ás 13:30 horas. A continuación haberá sesión vermú co Grupo Atrévete. A festa da tarde-noite tamén estará amenizada polo Grupo Atrévete.
V Carreira Popular
O sábado a partir das 10:30 horas comeza a V Carreira Popular de Sober que se enmarca no circuíto de probas populares da Ribeira Sacra, financiadas polo GDR. A proba é a penúltima do circuíto á que lle seguirá a de Escairón.
Os dorsais e os chips de cronometraxe para os adultos entregaranse o día da proba na carpa da organización de 9:00 a 10:30 horas.
Festival da Escola Municipal de Música
Ás 19:00 horas do sábado, o Centro Sociocultural de Sober acolle o Festival musical de fin de curso dos alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música de Sober. No festival actuarán alumnos das diferentes especialidades instrumentais e tamén a banda xuvenil.
A Escola Municipal de Música conta con preto de 100 alumnos e sete profesores. As idades dos alumnos van dos 4 aos 70 anos. O principal obxectivo da Escola é formar alumnos para que logo ingresen na Banda de Música de Sober.
Ano da Fe en Cadeiras
O domingo 16 de xuño os arziprestazgos da Comarca de Lemos conmemoran a celebración central do Ano da Fe no Santuario de Cadeiras. O acto estará presidido polo bispo da diocese Alfonso Carrasco Rouco e contará coa presenza de todos os sacerdotes da Comarca de Lemos. Espérase que sexa unha celebración multitudinaria.
Concerto de Xoel López
Por último, o venres ás 21:00 horas a adega Regina Viarum de Doade será o escenario do concerto do cantautor Xoel López, dentro do ciclo Baixo da Vide.
