O Concello de Sober colabora durante todo o verán con diferentes festas populares nas que convida a participar a todos os veciños e veciñas, así como a todos aqueles que se queiran achegar á localidade. A actividade festiva iníciase esta fin de semana, os días 6 e 7 de xullo, coa 3ª Romaría dos Muíños do Xábrega, nos Chancís.
Na festa haberá diferentes actuacións, entre elas a da Banda de Música de Sober, cun repertorio dos mellores anos do Rock And Roll e do Pop dos 80 a 90, o Colectivo Bomba, mestura de Reggae-Ska-Freestyle, Pacharanga e a banda ourensá Uppercut.
As demais festas programadas son as que seguen:
25-26 de xullo: Santiago de Gundivós
3-4 de agosto: San Salvador en Neiras
10-11 de agosto: Nosa Señora en Lobios
24-25 de agosto: San Vitorio en Arxemil
31 de agosto e 1 de setembo: O Carme en Santa Cruz e Nosa Señora en Vilaoscura
7-9 de setembro: Romaría de Cadeiras
14-17 de setembro: Festas do Carme en Sober
28-29 de setembro: San Miguel de Rosende
A quincena do teatro
Entre as actividades culturais que organiza o Concello de Sober atópase o obradoiro de teatro ‘Moito Teatro’ que será impartido pola directora de escena e dramaturga Eva F. Ferreira do 29 de xullo ao 9 de agosto. O obradoiro será de luns a venres de 11 a 13.30 horas no Centro Sociocultural e terá un custo de 20 euros. Os interesados poden obter máis información nas instalacións das piscinas municipais, no centro sociocultural, ou no número de teléfono 982.46.05.13.
Actividades nas piscinas
O Concello de Sober ofrece ademais a posibilidade de apuntarse aos cursos de natación para nenos e adultos cun custo de 10 euros ao mes. As clases para os nenos será os luns e mércores de 20:00 horas a 21:00 horas e as dos adultos os martes e xoves en horario de 20:00 horas a 21:00 horas. Os interesados poden anotarse nas instalacións das piscinas.
Ampla oferta
As actividades no recinto das piscinas complétanse coa bibliopiscina, aberta de luns a venres, aquagym os mércores ás 16:30 e os obradoiros para nenos e nenas os xoves ás 19:00 horas. Todas estas actividades son gratuítas.
Obradoiros en inglés
Á oferta anterior súmase a posibilidade de que os nenos e nenas de Sober asistan a obradoiros de inglés de luns a venres ás 19:00 horas nas piscinas municipais. O curso desta actividade é de 3 euros ao día.
