O Concello de Sober informa a través dos medios de comunicación, da súa páxina web e das redes sociais oficiais, dos cortes de tráfico que se levarán a cabo na localidade o próximo día 28 de agosto por mor da saída da quinta etapa de La Vuelta Ciclista a España. O alcalde, Luis Fernández Guitián, pídelle desculpas a todos os veciños e veciñas polas molestias que este evento poida ocasionarlles na súa vida cotiá.
A capitalidade municipal estará completamente cortada ao tráfico desde primeira hora da mañá e ata preto das 14.00 horas. Haberá aparcamentos sinalizados en Outeiro (estrada de Arxemil), Os Pacios (estrada de Gundivós), e San Martiño (estrada de Monforte).
Os vehículos procedentes de Arxemil ou Anllo que circulen en dirección a Monforte deberán facelo a través de Rosende e Canabal. Os procedentes de Amandi, Lobios ou Pinol deberán ir por Gundivós e Neiras para poder chegar a Monforte.
Os veciños da capitalidade non poderán deixar os seus vehículos estacionados nas seguintes prazas e rúas: Praza do Concello, Praza do Toural, Rúa do Comercio, Rúa do Progreso, Rúa da Mina, Avenida de Monforte e Rúa do Cine Barbagelata.
O Concello de Sober contará cun amplo dispositivo de tráfico e colaboradores despregado pola organización de La Vuelta para evitar que haxa incidentes de tráfico durante a xornada e minimizar as molestias aos condutores. O alcalde agradece a colaboración de todos os veciños e veciñas para levar a cabo un evento que supón un “fito histórico” para Sober.
