A liña de saída da quinta etapa de La Vuelta estará situada na Rúa do Comercio da capital soberina preto da Praza do Concello onde se concentrarán os ciclistas para a saída neutralizada a partir das 12:55 horas. Previamente asinarán no “control de firmas” para os corredores que estará situado na Praza do Campo da Feira.
A caravana que acompaña a La Vuelta ocupará, practicamente, todas as rúas da capitalidade municipal. Así, o aparcadoiro dos 22 equipos que compiten na proba situarase na estrada de Monforte. A continuación, ata o cruce coa rúa do Progreso situarase o aparcadoiro da prensa. Ao longo da rúa do Progreso estacionará a caravana dos coches que acompañan á carreira, composto pola dirección de carreira, o cronómetro oficial, as motos e coches dos xuíces, os vehículos dos equipos, etc.
Tanto a Rúa das Hortas como a estrada de Canabal estarán reservadas para invitados e organización. Así mesmo, na avenida de Belán, preto da praza do Concello, situarase o cátering de degustación dos patrocinadores.
A caravana poñerase en marcha a partir das 13:00 horas coa saída neutralizada, os corredores percorrerán a Rúa do Comercio, subirán pola Rúa da Mina, continuarán polo camiño do Palacio para enlazar coa rotonda da estrada de Monforte a través da estrada de Gundivós.
A través da estrada de Monforte a Sober a carreira circulará neutralizada ata Piñeira, por onde a rolda discorrerá, evitando pasos a nivel, para enlazar coa estrada do polígono do Reboredo e acceder á N-120 dirección Ponferrada onde se dará a saída lanzada.
Arredor das 14:00 horas, segundo o horario previsto, a proba achegarase a Quiroga, entrando pola Avenida General Franco e continuando cara a Rúa de Petín pola Rúa Toucedo, para volver a enlazar coa N-120.
A serpe multicolor abandonará Lugo ao pouco de atravesar o túnel de Montefurado, adentrándose xa na provincia de Ourense.
