O Concello de Sober e a Xunta de Galicia, a través do Fondo de Compensación Ambiental da Consellería de Presidencia, veñen de iniciar os traballos de renovación e ampliación da rede de abastecemento de auga en Sistín do Mato (Canabal). Trátase dunha actuación que conta cun orzamento de 40.000 euros, dos cales o Concello achega o 30%.
A empresa encargada de acometer a obra é Excavaciones Javier, quen ademais de levar a cabo a renovación integral de toda a rede do lugar, vai instalar un clorador con placa solar fotovoltaica no depósito regulador de auga. Está previsto que as obras rematen neste mes de outubro.
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, explica que se trata dunha actuación “moi importante” posto que parte dos veciños e veciñas de Sistín do Mato tiñan dificultades no subministro de auga por falta de presión. “Estas obras rematarán con esa problemática e ofrecerán un servizo de calidade do que xa desfrutan os veciños e veciñas contactos á rede municipal de auga”, engade.
Ampliación da rede municipal
O rexedor avanza ademais que o Goberno local estuda a ampliación da rede municipal a lugares “onde sexa necesario e viable”. Así, recentemente un total de 70 familias foron conectadas ao subministro municipal coa ampliación da rede a Millán e A Pena de Proendos.
