O Concello de Sober celebra mañá o Día da Biblioteca en colaboración co CEIP Virxe do Carme. As actividades iniciaranse no colexio ás 12:15 horas coa lectura do pregón escrito por Laura Gallego García. Os alumnos e alumnas do centro coñecerán a exposición do cartel feito por El Roto para a conmemoración deste día e farán unha adaptación do mesmo.
Os nenos e nenas asistirán tamén á presentación de Lemos LE, un proxecto ideado por un conxunto de persoas e entidades que ten como finalidade potenciar a lectura e o uso das bibliotecas na comarca de Lemos e San Clodio. Está integrado por bibliotecas escolares e municipais, así como pola Asociación de Libreiros de Monforte.
De seguido, os alumnos e alumnas do CEIP Virxe do Carme participarán nunha actividade de confección de marca páxinas e reparto de adhesivos.
A celebración continuará pola tarde na Biblioteca Pública Municipal. Todos aqueles que decidan achegarse recibirán un libro como agasallo.
A Biblioteca Municipal de Sober participa tamén nas actividades organizadas no marco do proxecto Lemos LE coa edición dun adhesivo que conmemora esta data e a celebración dunha cea, que terá lugar mañá, e á que se poden sumar todos os amantes da lectura.
