RAQUEL ARIAS DESTACA QUE O REMATE DAS OBRAS NA TRAVESÍA DE BELÁN “MELLORAN E CANALIZAN A CIRCULACIÓN DO TRÁFICO” NO NÚCLEO URBANO DE SOBER

  • Home
  • Novas
  • RAQUEL ARIAS DESTACA QUE O REMATE DAS OBRAS NA TRAVESÍA DE BELÁN “MELLORAN E CANALIZAN A CIRCULACIÓN DO TRÁFICO” NO NÚCLEO URBANO DE SOBER

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, destacou a “importante mellora para canalizar a circulación no entorno do núcleo urbano de Sober” que representan as obras que ven de rematar a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas na capital do municipio.
 
Arias visitou as obras acompañada polo alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, e destacou que a Xunta de Galicia financiou o convenio de case 60.000 euros mediante o cal se levaron a cabo estas obras. Este investimento forma parte dunha das principais liñas de acción do departamento autonómico, como é a posta en valor do Plan Hurbe en colaboración coas entidades locais.
 
Os traballos, nos que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas colaborou co Concello de Sober, facilitaron a urbanización da travesía de Belán no núcleo de Rosende, respondendo así a unha necesidade trasladada polo ente local soberino á Administración autonómica para humanizar esta travesía de acordo coas condicións que se recollen no Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobado en abril deste ano.
 
Deste xeito, segundo indicou a delegada, promoveuse a creación dun vial que servirá para crear unha circunvalación ao centro urbano de Sober polo noroeste, permitindo dar unha saída a todo o tráfico procedente dos núcleos Rosende, Anllo, Vilaescura e Millán cara ás estradas de Canabal e Monforte, evitando os atascos e problemas circulatorios que se producen periodicamente.
 
No desenvolvemento deste proxecto ensanchouse a vía ata conseguir unha calzada de 5,40 metros, para formar dous carrís en ambos sentidos de circulación de 2,70 metros cada un.  Así, desta maneira dáselle unha saída ao tráfico rodado da zona noroeste do núcleo de Sober sen necesidade de pasar polo centro urbano.
 
Arias considerou que se “trata dunha actuación de mellora de seguridade vial e de recuperación dun espazo público como vial urbano, sen compoñentes de edificabilidade”, e agregou que a súa execución adaptouse “ás determinacións da normativa urbanística aplicable, contribuíndo a mellorar da calidade de vida dos cidadáns do concello e aos visitantes que se achegan a el”.
 

consultas@prodesin.com
http://www.prodesin.net/~sober