O CONCELLO DE SOBER INICIARÁ O EXPEDIENTE SOBRE OS LINDES CON MONFORTE ANTE A SUBDIRECCIÓN XERAL DO INSTITUTO XEOGRÁFICO NACIONAL

  • Home
  • Novas
  • O CONCELLO DE SOBER INICIARÁ O EXPEDIENTE SOBRE OS LINDES CON MONFORTE ANTE A SUBDIRECCIÓN XERAL DO INSTITUTO XEOGRÁFICO NACIONAL

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, anuncia que proximamente nomeará unha comisión municipal e iniciará o expediente sobre os lindes con Monforte ante a Subdirección Xeral de Instituto Xeográfico Nacional. O alcalde afirma que fixo todo o posible por chegar a un acordo amigable coa cidade do Cabe cedendo parte do seu territorio, polo que agora “non cederá máis”.
 
Monforte terá que iniciar o mesmo procedemento que Sober e, de non haber acordo, será o organismo competente da Comunidade Autónoma o que resolva as actas de deslinde que fagan as respectivas comisións e que terán que ser remitidas ao Rexistro Central de Cartografía.
 
O equipo de Goberno de Sober diferenza dous problemas claros. Dun lado, os límites municipais entre Sober e Monforte e, doutro, a usurpación de 13.500 metros cadrados de 20 parcelas (total ou parcialmente) de veciños da parroquia de Neiras que o Concello de Monforte “vendeu ou regalou a Sigalsa”.
 
Fernández Guitián rexeita ademais a actitude do Concello de Monforte, posto que “nunca contesta aos nosos escritos sobre este tema, os máis recentes e pendentes de recibir de febreiro e outubro deste mesmo ano”. “Monforte nin quere sentarse a negociar, nin arranxar un asunto pendente desde 1934, o peixe grande quere comer ao pequeno porque si”.
 
Tampouco o Concello de Sober comparte o entusiasmo de Monforte coa comunicación do catastro, posto que nin entra no fondo do asunto nin dá ou quita razóns, senón que simplemente mantén as cousas como estaban ao estimar que non é o organismo que debe decidir sobre os límites dun termo municipal. Ademais, nos anos 90 Sigalsa escriturou unha única parcela no termo municipal de Monforte e o que fixo o Catastro foi poñela nun só Concello que é o que di na resolución do mes de outubro.
 
Sober irá máis aló
O rexedor local avanza ademais que agora Sober non só reclamará o terreo que se lle outorga no deslinde provisional de 1934 “senón que irá máis aló e solicitará como seu o terreo que se lle outorga no Catastro da Ensenada de 1850. Fernández Guitián explica que é posible que o conflito de 1934 puidera ter a súa orixe no feito de que Monforte usurpou parte do terreo de Sober, máis alá desa liña provisoria.
 
Desde o equipo de Goberno do Concello de Sober critican a negativa a negociar dos nacionalistas de Monforte ao tempo que afirman que Sober “non ten medo a perder nin nada que esconder, senón que soamente pide xustiza”. Por iso, o alcalde soberino reclama a defensa dos intereses do propio Concello recuperando un terreo que sempre debeu ser propio, así como o terreo dos veciños de Neiras “que lles foi roubado sen máis”.
 
 
 

consultas@prodesin.com
http://www.prodesin.net/~sober