OS ORZAMENTOS DO CONCELLO DE SOBER PARA 2014 PRÉVEN UN INVESTIMENTO REAL DE 389.000 EUROS

  • Home
  • Novas
  • OS ORZAMENTOS DO CONCELLO DE SOBER PARA 2014 PRÉVEN UN INVESTIMENTO REAL DE 389.000 EUROS

Os Orzamentos do Concello de Sober para 2014, aprobados a pasada semana, ascenden a máis 1,7 millóns de euros, 300.000 euros máis que en 2013, e priorizan o gasto social e a redución da contía destinada a persoal. Cómpre destacar ademais o incremento das inversións reais, que pasan de 179.000 euros en 2013 a 389.000 euros o ano próximo. A contía prevista para investimentos reais destinarase a obras que se executarán en 2014 e que contarán con importantes achegas supramunicipais.
 
Así, contarase cunha axuda do GDR Ribeira Sacra a través de plans LEADER de preto de 50.000 euros, dos que o Concello achega o 30%. Esta partida permitirá acondicionar prazas de lecer en Pinol, Casares, Vilela e O Rivas. A contía destinada ao POS, 30.000 euros cunha achega do 50% do Concello, será para melloras de abastecemento en A Bertonia, Castaxua e O Campo.
 
O Goberno local reserva 30.000 do seu orzamento para o mantemento de estradas municipais, limpeza de cunetas e bacheos. Tamén se levarán a cabo melloras no alumado público con cargo ao INEGA por un importe de 60.000 euros, dos que o Concello pon o 15%. Actuarase en A Mamuela, Doade, Pinol, Bolmente e Santiorxo.
 
O Concello de Sober ten previsto solicitar do Fondo de Compensación Ambiental 40.000 euros para acometer a primeira fase do saneamento en Refoxo, dos que o Goberno local asumirá o 20%. A Consellería do Medio Rural achega 66.000 euros para a mellora de camiños rurais, mentres que o Goberno local asume a redacción e o IVE do proxecto.
 
A Xunta colabora ademais con 6.000 para a Rede Natura. Prevese unha intervención na Área de Portizo.
 
Por último, o Goberno local asumirá en solitario obras de ampliación da rede de abastecemento e saneamento, ás que dedica 20.000 euros, así como 20.000 euros máis para melloras de acceso a viñedos.
 
O alcalde, Luis Fernández Guitián, explica que os investimento se incrementarán de acordo coas posibles axudas que cheguen doutras administracións.
 

consultas@prodesin.com
http://www.prodesin.net/~sober