O CONCELLO DE SOBER E A XUNTA REMATAN AS OBRAS DE MELLORA E ADECUACIÓN DA RÚA DO COMERCIO

  • Home
  • Novas
  • O CONCELLO DE SOBER E A XUNTA REMATAN AS OBRAS DE MELLORA E ADECUACIÓN DA RÚA DO COMERCIO

O Concello de Sober e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía e Industria, veñen de rematar as obras de mellora integral da Rúa do Comercio. A actuación, á que se destinou un orzamento de 81.000 euros, está financiada nun 75% polo Goberno galego a través da liña de subvencións para o comercio de proximidade.
 
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, subliña que esta actuación redunda en beneficio da imaxe da vila e mellora o seu aspecto de maneira substancial, un feito do que poderán desfrutar todos os veciños e veciñas e os turistas que se acheguen á localidade. Trátase da principal rúa comercial da capitalidade e non sufrira ningún tipo de reforma en 50 anos.
 
A obra inclúe novas beirarrúas, 25 prazas de aparcamento, entre elas unha para persoas con mobilidade reducida e tres para taxis, pasos de peóns adaptados, zonas para contedores, bancos, papeleiras e nova iluminación.
 
En detalle
A remodelación na Rúa do Comercio tiña como obxectivo unha adecuación axeitada a unha rúa comercial, de xeito que se pavimentou diferenciando as zonas segundo o seu uso. Así, as zonas peonís pavimentáronse con baldosas de formigón, as de aparcamento para vehículos con adoquín de formigón e a zona de calzada e paso de vehículos con aglomerado en quente.
 
Tamén se fixeron as gábeas necesarias para o soterramento da instalación de alumeado público, que se viu renovada na súa totalidade substituíndo as luminarias actuais por outras máis modernas e eficientes para fomentar o aforro enerxético e reducir o consumo.
 
No novo pavimento colocaronse os vaos necesarios segundo a normativa de accesibilidade que permitan a circulación axeitada de persoas con mobilidade reducida. Ademais, creouse unha praza de aparcamento para persoas con mobilidade reducida.
 
As actuación completáronse coa colocación de mobiliario urbano e zonas específicas para a colocación de contedores de residuos sólidos urbanos.
 
Por último, colocáronse sinais verticais de límite de velocidade na zona máis estreita da rúa, así como outra sinalización da praza de aparcamento para persoas con mobilidade reducida. O espazo público sobre o que se actuou ten unha superficie total aproximada de 1.495 metros cadrados.

consultas@prodesin.com
http://www.prodesin.net/~sober