O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, acompañado pola delegada da Xunta en Lugo, a soberina Raquel Arias, presidiu esta mañá o acto de presentación do Mes do Amandi, co que se lle dá o pistoletazo de saída á XXXIV Feira do Viño de Amandi, que se desenvolverá na localidade o 12 e 13 de abril.
No acto, que se celebrou “no corazón dos viñedos” de Amandi estiveron acompañados por varios membros da Corporación, polos adegueiros, así como polo autor do cartel da feira deste ano, o pintor de Rosende Pepe Sanjurjo Mantilla.
Fernández Guitián destacou a importancia dun programa de actos que se desenvolverá durante catro semanas e que servirá para que se siga dando a coñecer do viño de Amandi e se siga a promocionar a Ribeira Sacra.
A delegada territorial, pola súa banda, incidiu no carácter de dinamizador social e económico das festas declaradas de interese turístico, "serven para proxectar cara o exterior os nosos recursos diferenciadores, que impulsan ao viaxeiro, ao veciño a coñecer un destino auténtico , que conserva as súas tradicións e que as comparte cos visitantes".
A Axencia Turismo de Galicia considera que as festas que polas súas características e singularidades teñen un recoñecemento e prestixio a nivel autonómico son un recurso que hai que manter e potenciar, xa que a súa celebración supón un importante reclamo de atracción turística. Así a delegada dixo que "na Ribeira Sacra temos moi claro o noso desenvolvemento ten que basearse na combinación dos dous elementos fundamentais que teñen á viticultura como eixe, o turismo e o viño"
A delegada tamén fixo referencia á declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, "un obxectivo que nos une a todos, administracións e veciños para conseguir que esta beleza teña este recoñecemento, xunto co Camiño de Inverno a Santiago, que a Xunta está traballando por recoñecer como oficial para conseguir que ese lugar de encontro que é o camiño converta a peregrinos en turistas que amplíen a súa estadía para coñecernos e disfrutarnos" dixo.
Por último fixo referencia ao maior problema ao que se enfronta na actualidade todo o rural, e tamén os viñedos da Ribeira Sacra, o relevo xeracional. Así a delegada puxo en valor o plan de dinamización demográfica da Xunta de Galicia, "que ten que ser unha ferramenta para convencer á xuventude das avantaxes de vivir no rural, ensinarlles que vivir do campo e vivir no campo, son alternativas boas tanto como modo de vida como de sustento económico, temos a obriga de facer que os nosos mozos queden aquí como a súa primeira opción" concluíu.
Mes do Amandi
Os actos organizados para o Mes do Amandi comezan hoxe coa presentación nun dos viñedos da zona onde se puideron degustar os caldos da Ribeira Sacra a pé de viña, tras facer un percorrido desde Doade no tren turístico Aba Sacra. O próximo acto terá lugar o mércores día 19 de marzo no que a Escola de Hostalería Belarmino Fernández celebrará unha xornada de portas abertas de maridaxe do lacón galego (IXP) con viño de Amandi.
Os días 26,27 e 28 haberá un curso de iniciación á cata de viños no Centro Sociocultural de Sober para o que se está aberto o prazo de matrícula. O venres 28 de marzo desenvolverase a xornada “Aspectos actuais da patoloxía da vide cara a unha viticultura sostible”, organizada pola Estación de Enoloxía de Galicia. “Un curso moi demandado polos adegueiros”, tal e como destacou o rexedor.
O 29 de marzo levarase a cabo unha cata comentada de viños para persoas con discapacidade visual en colaboración coa ONCE-Lugo. Será no Centro Sociocultural.
O sábado 5 de abril será o día no que os Bolechas visiten a localidade para presentar o seu volume sobre os atractivos turísticos de Sober. Os bonecos farán un pasarrúas pola localidade.
O Concello de Sober acordou que durante este mes varios establecementos da comarca asociados a APEHL, -preto de 20 polo de agora, na súa maioría de Monforte-, recomenden o viño de Amandi aos seus clientes.
Programa da XXXIV Feira do Viño de Amandi
No acto de hoxe deuse a coñecer tamén a totalidade do programa da XXXIV Feira do Viño de Amandi que terá lugar en Sober os dúas 12 e 13 de abril. O sábado o arranque dos festexos está previsto para ás 11:30 horas co disparo de bombas de palenque. Ás 12:00 horas levarase a cabo a apertura oficial a cargo da Adega Viña Peón, en lembranza do seu fundador, Florencio Rodríguez.
Ás 12:15 e ás 17:00 horas haberá actuacións de música tradicional coa colaboración do AGADIC. Ás 17:00 horas será o concerto da Banda de Música de Sober e ás 18:30 horas comezará a precata oficial no Centro Sociocultural. Un dos pratos fortes da xornada será o concerto do gaiteiro Carlos Núñez, ás 19:30 horas no santuario de Cadeiras, para o que se venderán entradas a dez euros, con prioridade para os veciños de Sober. Ás dez da noite haberá unha actuación na Praza do Concello dos Festicultores.
O domingo 13 de abril farase un disparo de bombas de palenque na honra de cada adegueiro participante, ás 10:30 horas. Durante a mañá haberá unha actuación do grupo de música tradicional Érvedo, actuación da charanga NBA e pasarrúas a cargo da Banda de Música de Sober. Ás 11:30 comezará a cata oficial, a mesma hora na que se celebrará na misa solemne coa bendición de ramos na igrexa de Sober.
Ás 12:30 horas será a recepción de autoridades na Casa do Concello e de seguido Carlos Núñez lerá o pregón da feira. Tamén se fará a entrega de premios aos adegueiros. Ás 19:30 horas pecha a feira un baile coa Orquestra Los Satélites.
O cartel
O cartel da Feira do Viño de Amandi de 2014 amosa unha panorámica desde a Praza do Concello ata os viñedos. Sobre a imaxe aparece a figura dun home que simboliza un falecido da vila que decidiu levar con el o viño de Amandi. “É tan imprescindible que ata aí se exporta”, ironizou o alcalde, quen agradeceu a colaboración desinteresada do autor.
