O CONCELLO DE SOBER E A UNIVERSIDADE DE VIGO ASINAN UN CONVENIO PARA REALIZAR PRÁCTICAS ACADÉMICAS EXTERNAS

  • Home
  • Novas
  • O CONCELLO DE SOBER E A UNIVERSIDADE DE VIGO ASINAN UN CONVENIO PARA REALIZAR PRÁCTICAS ACADÉMICAS EXTERNAS

O Goberno local do Concello de Sober vén de asinar un convenio de cooperación educativa coa Universidade de Vigo para que os alumnos e alumnas poidan realizar prácticas académicas externas na administración local.
 
O obxecto do convenio é regular un programa de prácticas académicas externas entre a Universidade de Vigo e o Concello de Sober para facilitar a preparación para o exercicio profesional do estudantado en áreas operativas da empresa relacionadas coa súa formación universitaria e as posibles saídas profesionais desde os estudos cursados na Universidade de Vigo. Así, promoverase o futuro desenvolvemento profesional e o acceso ao mercado laboral das futuras persoas tituladas universitarias.
 
O Concello de Sober comprométese a emitir un informe con mención expresa da actividade desenvolvida, a súa duración e, no seu caso, o seu rendemento. Os alumnos e alumnas poden recibir por parte da entidade colaboradora a achega económica que se estipule en concepto de bolsa ou axuda ao estudo.
 
Quen pode realizar prácticas académicas externas?
O alumnado matriculado en calquera ensinanza impartida pola Universidade ou polos centros adscritos a esta, así como o estudantado doutras universidades españolas ou estranxeiras que, por razón de mobilidade académica ou de convenios establecidos entre elas, se atopen cursando estudos na Universidade de Vigo ou nos adscritos a esta.
 
Requisitos que debe cumprir o alumnado
–      Estar matriculado na ensinanza universitaria á que se vinculan as competencias básicas, xenéricas ou específicas que adquirirá ao realizar a práctica.
–      No caso de prácticas externas curriculares, estar matriculado na materia vinculada, segundo o plan de estudos de que se trate.
–      Non manter ningunha relación contractual coa empresa, institución ou entidade pública ou privada, ou a propia universidade en que se van realizar as prácticas.
 
A Universidade de Vigo realizará unha convocatoria pública nos centros universitarios afectados na que se indicará o número de alumnado de prácticas e as condicións da práctica académica externa, garantindo os principios de transparencia, publicidade e igualdade de oportunidades.
 
 

consultas@prodesin.com
http://www.prodesin.net/~sober