A BIBLIOTECA MUNICIPAL DE SOBER RETOMA AS ‘MERENDAS CON CONTOS’ CUN OBRADOIRO DE ILUSTRACIÓN

  • Home
  • Novas
  • A BIBLIOTECA MUNICIPAL DE SOBER RETOMA AS ‘MERENDAS CON CONTOS’ CUN OBRADOIRO DE ILUSTRACIÓN

A Biblioteca Pública Municipal de Sober retoma este venres día 3 de outubro as ‘Merendas con contos’, o programa de animación á lectura que se desenvolverá todos os venres a partir das 17:30 horas no Centro Sociocultural.
 
En concreto, este primeiro venres levarase a cabo o obradoiro de ilustración ‘Contando con imaxes’ a cargo de Noemí López, no marco do programa Ler conta moito, cofinanciado pola Consellería de Cultura e o Concello de Sober.
 
O venres día 10 haberá unha nova actividade baixo o nome ‘Lemos nas pantallas’. Os nenos e nenas que participen nas Merendas con contos poderán coñecer diversos soportes e dispositivos electrónicos como as tabletas, móbiles, ordenadores ou o libro electrónico nos que poder ler. Os asistentes poden levar consigo os dispositivos que teñan para ver as súas posibilidades de lectura nas pantallas.
 
O día 17 a actividade chámase ‘Lemos en papel’. Os contos que a semana anterior se leron en dixital vanse poder ter en papel para debater sobre os pros e os contras dos dous formatos.
 
O venres día 24 celebrarase o Día da Biblioteca. Pola mañá haberá actividades no CEIP Virxe do Carme e pola tarde estrearanse os carnés de socio e haberá un agasallo conmemorativo polos 20 anos da Biblioteca Pública de Sober.
 
O último venres de mes, día 31, celebrarase o samaín cunha tarde noite de medo. Os  nenos e nenas decorarán a biblioteca e logo lerán textos escollidos para a ocasión. A celebración está aberta para nenos e maiores, aos que se convida a asistir disfrazados.
 
Club de lectura
O Club de lectura Pintor de Castinande xa comezou as reunións semanais, que se celebran os mércores ás 7 da tarde no Centro Sociocultural. O libro que están a ler é Diario de un fiscal rural, do escritor exipcio Tawfiq Al –Hakim. O pasado mércores os integrantes do club visitaron o Centro do Viño de Monforte.
 
 
 
 

consultas@prodesin.com
http://www.prodesin.net/~sober