O CONCELLO DE SOBER CELEBRA EN ABRIL O MES DOS LIBROS

  • Home
  • Novas
  • O CONCELLO DE SOBER CELEBRA EN ABRIL O MES DOS LIBROS

O Concello de Sober organiza en abril o Mes dos Libros, un conxunto de actividades nas que a lectura é a protagonista.
 
A primeira delas será este venres día 17 na Biblioteca Pública Municipal coa celebración dun obradoiro baixo o título Os libros indispensables no que se lerán aqueles volumes preferidos para os nenos e nenas e para os maiores. Ao longo de 2015 farase unha librería na que se colocarán todos os tomos cos títulos e autores que propoñan todas as persoas que participen na actividade.
 
O día 22 de abril celebrarase o Día do libro cunha lectura conxunta na que van participar os membros do Club de Lectura Pintor de Castinande e os alumnos do 1º de BAC do IES A Pinguela de Monforte, acompañados da súa mestra Mª José Vidal. Será ás 19:00 horas na Biblioteca Pública Municipal.
 
O xoves día 23 todas as persoas que se acheguen á Biblioteca levarán un libro como agasallo. Tamén se liberarán novos volumes no parque infantil dentro da actividade de bookcrossing. Ás doce do mediodía o programa da Xunta de Galicia Cultura no Camiño trae a Sober BocAberta, unha actividade de contacontos que interpretará Carmiña Miudiña e A pinga aventureira.
 
O venres día 24 os nenos e nenas que participan nas Merendas con contos serán os encargados de organizar o III Mercadiño de libros.
 
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, destaca as actividades que se poñen en marcha este mes “para axudar a espallar a importancia da lectura entre os máis novos e tamén entre os maiores”.
 

consultas@prodesin.com
http://www.prodesin.net/~sober