Este ano serán 23 as adegas da D.O. Ribeira Sacra de Sober que participarán na XXXVIII Feira do Viño de Amandi. Os actos do Mes do Amandi, os previos á celebración da Feira, foron dados a coñecer hoxe nun acto levado a cabo no miradoiro de Cadeiras, no que tamén se desvelou o cartel anunciador e o programa da Feira. O Concello convidado deste ano é o da Pobra de Brollón.
O alcalde, Luis Fernández Guitián, asegurou que “esta emblemática festa que hoxe presentamos é posible grazas aos colleiteiros e colleiteiras de Amandi que traballades nas vosas viñas e elaborades nas vosas adegas un produto único e excepcional que trunfa en competencia cos mellores viños do mundo. O viño da Ribeira Sacra en xeral e, o de Amandi en particular, están en continuo progreso grazas ao traballo e bo facer, por un lado do Consello Regulador da D.O. e, por outro, dos viticultores e adegueiros que sabedes adaptarvos aos novos tempos e ás demandas do mercado”.
“Un orgullo como alcalde poder presumir un ano máis, e imos polo 38, do mellor viño do mundo, da mellor alfareiría do mundo, do mellor territorio do mundo e todo grazas a que ten como veciños a mellor xente do mundo, que se esforza para recibir durante todo o ano e de forma especial o sábado e domingo de Ramos a milleiros de visitantes”, engadiu.
Programa de actos da XXXVIII Feira do Viño de Amandi
Sábado 24 de Marzo
11:30 horas. O disparo de bombas de palenque anuncian o inicio da XXXVIII Feira do Viño de Amandi.
12:00 horas. Apertura Oficial a cargo de Adega Guímaro en lembranza da súa matriarca Concepción Pérez Marcos.
12:15 horas. Actuación do Grupo de Música Tradicional Érbedo.
17:00 horas. Comezo da Precata Oficial na Sala de Catas da Oficina Municipal de Turismo.
17:00 horas. Actuación do Grupo Érbedo.
18:30 horas. Concerto da Banda de Música de Sober.
20:00 horas. Concerto de Cristina Pato no Auditorio do Centro Sociocultural de Sober.
22:00 horas. Actuación de Os Parentes na Praza do Concello.
23:30 horas. Actuación de Gin Toni’s na Praza do Concello.
Domingo 25 de Marzo
10:30 horas. Disparo de 23 bombas de palenque (1 por cada colleiteiro participante)
10:45 horas. Actuación da Charanga NBA.
11:00 horas. Pasarrúas coa Banda de Música de Sober.
11:30 horas. Comezo da Cata Oficial na sala de catas do Centro Sociocultural de Sober.
11:30 horas. Misa Solemne coa Bendición de Ramos na Igrexa de Sober.
12:30 horas. Recepción de Autoridades na Casa do Concello.
12:45 horas. Actuación da Banda de Música de Sober.
13:00 horas. Pregón a cargo de Cristina Pato.
13:30 horas. Entrega de Premios.
17:00 horas. Actuación da Charanga NBA.
19:30 horas. Baile coa orquestra Suavecito.
ACTIVIDADES DO MES DO AMANDI
Sábado 24 de Febreiro
– Ás 12:00 horas no Miradoiro de Cadeiras. Presentación da XXXVIII Feira do Viño de Amandi e do seu cartel anunciador, obra de Ana Santiso. Ao remate degustación de viños de Amandi.
Luns 26 de Febreiro
– Na aula de informática e Novas Tecnoloxías inicio do Proxecto “Cada un conta a feira segundo lle foi nela”. Trátase dun obradoiro pensado para recompilar material histórico da Feira do Viño de Amandi dende o seu nacemento en 1981. (Fotografías, programas, recortes de prensa, etc.). O obradoiro rematará o 23 de Marzo.
Mércores 7 de Marzo
-Ás 19:00 horas no Centro Sociocultural, Presentación do libro de poesía “Entre zocas e decibelios”, do soberino de Barantes Ramón Sandoval, coa participación entre outros de Olga Novo. Ao remate brinde con Viño de Amandi.
Venres 9 de Marzo
-Ás 12:00 horas no Centro Sociocultural de Sober Inauguración da exposición “Figuras de antonte e de onte, figuras para o mañá”, paneis que recollen motivos e encintados decorativos de casas con esgrafiados de Sober; que foi 1º premio do Proxecto didáctico Antonio Fraguas do Museo do Pobo Galego, feita por alumnos do IES A Pinguela de Monforte baixo a dirección e coordinación de Manuel Vilar Álvarez.
Sábado 10 de Marzo
-Ás 20,00 horas no Centro Sociocultural concerto a cargo do Cuarteto de Saxofóns Kebyart. Ao remate degustación de viños de Amandi. Organiza: Xuventudes Musicais de Sober.
Luns 12 de Marzo
– Ás 12:00 horas no CEIP Virxe do Carme, Taller de Análise Sensorial para alumnado de 5º e 6º de Primaria, dirixido por Vinosacra.es.
Xoves 15 de Marzo
-De 12:00 a 14:30 na Escola de Hostelería de Rosende, Xornada de Maridade: Viño de Amadi con Vacún de Galicia. Colaboran a Escola de Hostalería da Fundación Belarmino Fernández, I.X.P. Ternera Galega e I.X.P. Vaca e Boi de Galicia.
Venres 16 de Marzo
Nas merendas con contos da Biblioteca Pública Municipal farase unha visita a viñedos e Adega Rectoral de Amandi para coñecer diversos procesos no coidado dos viñedos e elaboración de viños. Saída as 18:00 horas da Praza do Concello.
Sábado 17 de Marzo
-Ás 20,00 horas no Centro Sociocultural concerto de piano a catro mans a cargo de Yolanda Represas e Pablo Roríguez. Ao remate degustación de viños de Amandi. Organiza: Xuventudes Musicais de Sober.
Luns 19 de Marzo
– Ás 16:00 horas na Escola de Hostalería da Fundación Belarmino Fernández de Rosende. Seminario de Servizo de viños para hostaleiros. Colabora Asociación de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo. Dirixe: Vinosacra.es
Luns 19 de Marzo
– Ás 16:30 horas no Centro Sociocultural en dentro dos Faladoiros dos Luns, Educación para a Saúde (medicación, alcol e condución) a cargo de Luisa Astray, Educadora Social da Unidade Asistencial de Drogodependencias de Monforte.
Xoves 22 de Marzo
De 9:00 a 14:30 horas no Centro Sociocultural de Sober, Xornada Técnica “Uso do frío na elaboración de viños”. Organiza a Estación de viticultura e enoloxía de Galicia.
Exposicións
-Do 23 de marzo ao 20 de abril no Centro Sociocultural de Sober estarán expostos os carteis presentados o concurso de carteis da XXXVIII Feira do Viño de Amandi e os debuxos do concurso de debuxo infantil.
-Do 9 de marzo ao 20 de abril no Centro Sociocultural Exposición ‘Figuras de antonte e de onte, figuras para o mañá’, paneis que recollen motivos e encintados decorativos de casas con esgrafiados de Sober, que foi 1º premio do Proxecto didáctico Antonio Fraguas do Museo do Pobo Galego, feita por alumnos do IES A Pinguela de Monforte baixo a dirección e coordinación de Manuel Vilar Álvarez.
-Do 17 de marzo o 30 de abril na Oficina Municipal de Turismo, Exposición de Fotografías Sober Vivo (patrimonio natural, cultural, etnográfico, artesanía, recursos forestais etc. ) de Felipe Castro.
Cartel anunciador
O Concello de Sober convocou un concurso ao que se presentaron 30 orixinais chegados de diferentes puntos do estado. O xurado estivo integrado por profesionais do deseño, pintura e artes gráficas que acordaron outorgar o primeiro premio ao traballo presentado por Ana Santiso Vilar e concedéronse accésit aos traballos presentados por Edith Nieves Sánchez e Clara Romero Aguado.
