O CONCELLO DE SOBER FORMA ÁS AUXILIARES DE AXUDA A DOMICILIO NA PREVENCIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES E A FAVOR DA IGUALDADE

  • Home
  • Novas
  • O CONCELLO DE SOBER FORMA ÁS AUXILIARES DE AXUDA A DOMICILIO NA PREVENCIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES E A FAVOR DA IGUALDADE

O Concello de Sober forma ás auxiliares de axuda a domicilio na prevención da violencia contra as mulleres e a favor da igualdade. A primeira das catro charlas tivo lugar onte, no marco dunha acción cofinanciada polo Fondo Social Europeo e polo Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero. Son impartidas pola educadora social Selene Arias.
 
Lentes Lilas
Cada día centos de mulleres maiores sofren abuso psicolóxico, físico, económico e sexual. Tendo en conta a súa idade, presentan un grao de dependencia xeralmente maior, son máis vulnerables e atópanse nun maior risco de abuso, neglixencia, chantaxe, abandono, falta de seguridade, coerción… Para loitar contra entra lacra, e co obxectivo de crear conciencia social sobre a vulnerabilidade e os riscos ós que se enfrontan as mulleres maiores emerxe ‘Lentes Lilas’.
 
Con este traballo preténdese aumentar o coñecemento e a sensibilización sobre o fenómeno da violencia de xénero contra as mulleres maiores e resaltar as necesidades e dificultades específicas que presenta este tipo de maltrato co fin de provelas de maior protección en situacións de abuso, promover accións preventivas fronte a situacións de risco e facer as súas vidas diarias máis seguras.
 
Con estas xornadas o Concello de Sober:
–        Dará visibilidade a esta problemática a fin de concienciar, sensibilizar, informar e formar ás Auxiliares de Axuda no Fogar do Concello de Sober.
–        Promulgará novas formas de actuación a través de enfoques que contemplen a perspectiva de xénero.
–        Aumentará a sensibilización sobre o fenómeno da violencia contra as mulleres.
–        Establecerá redes de apoio social e iniciativas de autoaxuda para aumentar os niveis de seguridade e solidariedade nos domicilios aos que acoden.
–        Difundirá, de forma directa e indirecta, a todo o Concello de Sober a mensaxe de traballar en prol da igualdade e na prevención da violencia contra as mulleres.
 
Programación formativa e informativa
Dando resposta a esta necesidade, no Concello de Sober decídese poñer en marcha unha programación informativa e formativa que consta de catro sesións impartidas por unha educadora social co obxectivo de dotar ás Auxiliares de Axuda no Fogar de ferramentas que as capaciten para a detección e identificación de situacións de violencia cara as mulleres no marco do seu ámbito de actuación.
 
Dar este paso implica que as profesionais sexan quen de saber cal é o mellor xeito de intervir e proceder ante esta problemática.
 
De xeito específico, alén de formar profesionais que traballen coas Lentes Lilas postas, educar en igualdade supón avanzar como sociedade, como Concello, supón fomentar o empoderamento das mulleres do rural e en definitiva, construír unha cidadanía máis tolerante e igualitaria.

consultas@prodesin.com
http://www.prodesin.net/~sober