
O chef do Restaurante Vértigo, Rafa Centeno, gañador da única Estrella Michelin da provincia de Lugo, foi o encargado de pronunciar o pregón da XLVI Feira do Viño de Amandi.
O cociñeiro recoñeceuse emocionado por ser elixido para abrir oficialmente a feira e destacou o papel do viño na mesa e na cultura gastronómica. “Na mesa nunca está só, porque sempre hai algo que acompaña, que eleva, que fala. E ese algo son os vosos viños”, sinalou.
Centeno puxo en valor o significado que teñen estes viños máis alá do propio produto: “Falan de tradición, de historia, de cultura, de identidade e dunha maneira de vivir e entender o mundo”. “É por iso que alá onde van sorprenden, emocionan e deixan pegada”, engadiu.
O pregón rematou cunha proclamación de orgullo polo territorio e polo seu viño: “Viva o viño de Amandi! Viva Sober!”.

Recoñecemento ao pregoeiro e ao traballo do sector
Pola súa banda, o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, tivo palabras de recoñecemento para o pregoeiro desta edición, destacando o seu vínculo co municipio. O rexedor sinalou que Rafa Centeno é “noso con maiúsculas” pola súa relación con Sober e polo feito de ter conseguido a primeira Estrella Michelin para a provincia de Lugo.
No seu discurso agradeceu tamén a asistencia de quen se achega cada ano á Feira do Viño de Amandi e o esforzo de todas as persoas que fan posible esta celebración.
“Estamos aquí, un ano máis, para degustar a última colleita, máis curta do habitual en cantidade pero sobresaínte en calidade. E con esta feira queremos que a nova colleita sexa tamén frutífera en amizades e, como non, en recompensas ao esforzo de todo un ano”, indicou.
O alcalde referiuse ademais á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade: “En catro meses o Comité de Patrimonio Mundial da Unesco decidirá se a Ribeira Sacra é Patrimonio da Humanidade. Vai selo”.

Segundo destacou, “é o resultado dun traballo magnífico elaborado pola Consellería de Cultura a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e avalado polo Ministerio de Cultura e pola embaixada de España ante a Unesco”, lembrando tamén que se trata “da única candidatura que presenta España nos últimos tres anos”.
Fernández Guitián puxo en valor o carácter colectivo desta proposta e destacou “o traballo secular dos viticultores e adegueiros de Amandi e de toda a Ribeira Sacra no mantemento desta paisaxe de soño”.
Viños gañadores da cata oficial
Os viños distinguidos na cata oficial desta edición foron os seguintes:
Tinto xoven (tres gañadores):
- Cruceiro Mencía 2025 — Adega Cruceiro
- Don Bernardino Mencía 2025 — Adega Don Bernardino
- Romeo Domain 2025 — Adega Gullufre
Mellor branco xoven:
- Cruceiro Rexio Godello 2025 — Adega Cruceiro
Mellor rosado xoven:
- Priscillus Rosado 2025 — Adega A Man de Prado
Mellor tinto barrica:
- Parcela Carballo Cobo 2021 — Adega Algueira
Mellor viño doutras colleitas:
- Cividade Mencía 2024 — Adega Cividade
Todos os viños premiados recibiron un diploma e unha peza de Gundivós.

Concello homenaxeado
Nesta edición da feira o Concello homenaxeado foi Ribas de Sil. O seu alcalde, Roberto Castro, recibiu un agasallo institucional de mans do rexedor de Sober durante o acto oficial.

Leave a Reply