O Concello de Sober presenta na actualidade unha ratio de residuos impropios do 33%, tal e como se desprende do informe elaborado pola sociedade sen ánimo de lucro Ecoembes para a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras da Xunta de Galicia. Os datos foron recollidos entre maio e agosto de 2012 e fixan a porcentaxe de impropios do municipio no 33%, un nivel intermedio en relación cos demais concellos galegos, á falta da obtención dos datos anuais.
Os municipios que consigan diminuír a súa ratio de residuos impropios por baixo do 30% poderán beneficiarse das bonificación e vantaxes que conleva a rúbrica do Convenio de colaboración que se asine entre as administracións locais e Ecoembes, a través de axudas económicas directas se os datos son positivos. Así, o Concello de Sober destaca a importancia de traballar a prol da reciclaxe e a xestión adecuada de residuos.
Ao longo do día de hoxe a Praza do Concello acolle unha aula de concienciación en reciclaxe, cuxas actividades foron organizadas pola empresa lucense Ancaria co obxectivo de informar e concienciar aos cidadáns sobre a recollida selectiva e a reciclaxe. A carpa, de 80 metros cadrados, atópase perfectamente ambientada para a ocasión coa integración dunha aula didáctica na que un monitor especializado impartirá unha sesión teórica.
Ademais, haberá tamén unha clase práctica e un exame posterior no que os visitantes poderán dar conta dos coñecementos adquiridos. Ancaria pretenden contribuír no obxectivo de acadar unha diminución de impropios naqueles concellos que presenten unha porcentaxe que se atope entre o 30-35%, así como aumentar a recollida selectiva axeitada dos mesmos. Sober foi un dos 67 concellos elixidos para levar a cabo a campaña.
O horario de apertura da carpa instalada na Praza do Concello é de 12:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas. O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, anima aos cidadáns a facer unha correcta separación dos residuos para conseguir un municipio “máis limpo e mellor coidado”.
