Sober acollerá o próximo domingo 7 de outubro a celebración do XIV Maratón Autonómico Urbano, Special Olympics Galicia 2012, que se desenvolverá nun circuíto urbano polas rúas do municipio. O evento está organizado por Special Olympics Galicia coa colaboración de Fademga e promovido polo Concello de Sober e a Asociación Prodeme de Monforte de Lemos.
O maratón foi presentado hoxe no Concello de Sober polo alcalde, Luis Fernández Guitián, e o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández, quen deu a coñecer o programa de actividades que inclúe a xornada na que se darán cita atletas de todas as idades e de toda a comunidade.
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, valora a celebración do maratón en Sober e afirma que traerá ao municipio a 114 deportistas das catro provincias, aos que sumar os correspondentes adestradores. “É un día moi especial para Sober no que as rúas se encherán de xente”, explica o rexedor.
Tanto a convocatoria como o regulamento poden ser consultados na web www.specialolympicsgalicia.org. O maratón constará de catro carreiras diferentes, unha delas, a de 300 metros, para persoas con discapacidade intelectual con necesidade de apoio extenso e xeralizado. O acto de inauguración celebrarase o domingo no Auditorio de Sober ás 10:45 horas e as probas comezarán ás 12:00 do mediodía.
A clausura e entrega de medallas están previstas para as 14:20 horas. Logo haberá un xantar e a actividades durante a tarde.
