O Diario Oficial de Galicia do 17 de outubro vén de publicar unha resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) na que aproba as bases reguladoras das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia, promovidos polas mancomunidades e os concellos, entre os que se atopa o de Sober.
O Concello de Sober recibe unha axuda de case 60.000 euros para acometer cinco proxectos no municipio. O investimento total destas actuacións ascenderá aos preto de 70.000 euros, cuxa diferencia será asumida polo Goberno local.
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, valora a achega da Xunta para uns proxectos que considera “importantísimos” para a localidade. Avanza que nos próximos días darán comezo as obras.
En concreto, a Xunta de Galicia a través do AGADER financiará os seguintes proxectos:
– Humanización de espazos públicos no núcleo rural de Viloudriz. Importe da axuda: 28.014,74 euros.
– Creación dunha praza de lecer en Sistín do Mato. Importe da axuda: 6.740,75 euros.
– Creación dunha praza de lecer en Cimadevila. Importe da axuda: 9.565,1 euros.
– Creación dunha praza de lecer en Arxemil. Importe da axuda: 9.402,37 euros.
– Instalación fotovoltaica illada no punto de información dos Chancís. Importe da axuda: 5.930,72 euros.
O Concello de Sober ten previsto executar as obras nas próximas semanas, posto que teñen que estar rematadas antes de final de ano, sendo a data límite o 3 de decembro. Ademais da instalación fotovoltaica, construiranse dúas prazas de lecer, unha delas en Sistín do Mato e outra en Cimadevila, así como un parque infantil en Arxemil e unha área recreativa en Viloudriz.
Enlaces ao DOG:
http://www.xunta.es/dog/Publicados/2012/20121017/AnuncioO90-091012-0001_gl.pdf
http://www.xunta.es/diario-oficial-galicia/mostrarContenido.do?lang=gl&?paginaCompleta=false&idEstado=5&rutaRelativa=true&ruta=/2012/20121017/Secciones1_gl.html
