As diferentes Asociacións de Veciños do Concello de Sober inician esta semana a celebración dos magostos populares que se levan a cabo con motivo do Outono. O Concello pídelle a todos aqueles interesados en participar a que se poñan en contacto coas correspondentes Asociacións de Veciños. O primeiro deles terá lugar o próximo venres día 2 na Praza do Concello de Sober a partir das 20:00 horas. O dúo local Atrévete fará a súa presentación en público nun acto no que tamén haberá chocolatada, queimada, viño de Amandi e castañas asadas.
O calendario de magostos segue o día 3 de novembro no Campo de San Cristovo en Proendos cun xantar popular organizado pola Asociación de Veciños que rematará cun magosto e actuación musical. O mesmo día 3 haberá magosto e viño de Amandi en Cadeiras coa actuación do dúo Bandoneón a partir das cinco da tarde. Os encargados de organizalo son os membros da comisión de festas de Cadeiras.
A Asociación de Veciños de Canabal celebra o seu magosto tamén o día 3 de novembro no local social a partir das 17:30 horas. Esa mesma noite, a Asociación de Veciños de Neiras celebra cea-magosto no local parroquial. O calendario de castañadas previsto polo de agora pecha o próximo 10 de novembro en Doade coa celebración do Patrón na Parroquia de San Martiño organizado pola Asociación de Veciños no local parroquial. Está prevista a celebración dun xantar popular que rematará cun magosto.

Leave a Reply