O CONCELLO DE SOBER LEVARÁ A CABO ACTIVIDADES CULTURAIS E DEPORTIVAS ATA FINAL DE ANO, NAS QUE SE INCLÚEN TEATRO, LECTURA, MÚSICA E XIMNASIA

  • Home
  • Novas
  • O CONCELLO DE SOBER LEVARÁ A CABO ACTIVIDADES CULTURAIS E DEPORTIVAS ATA FINAL DE ANO, NAS QUE SE INCLÚEN TEATRO, LECTURA, MÚSICA E XIMNASIA

O Concello de Sober comezará esta fin de semana a súa programación sociocultural e deportiva para o Outono, na que se inclúe unha representación teatral, actividades de lectura para nenos e maiores,  musicais e ximnasia, entre outras. O Outono Teatral desenvolverase o sábado día 10 coa actuación “As alegres comadres” de Achádego Teatro. A función, que será no Centro Sociocultural de Sober ás 19:00 horas, está organizada polo proxecto Buxiganga promovido pola Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo.
 
Xornadas sobre micoloxía
Entre o venres 9 e o sábado 10 celebraranse as Xornadas Micolóxicas de Sober organizadas pola Agrupación Micolóxica Pingadouro, da que é presidente o alcalde, Luis Fernández Guitián. O evento inclúe dúas conferencias sobre micoloxía, así como saídas ao campo, exposición e degustación de cogumelos.
 
O sábado 17 de novembro será a quenda da Música do Outono cun concerto de guitarra a cargo de Marcos Puña ás 19:00 horas na Igrexa Parroquial de Millán, organizado polas Xuventudes Musicais de Sober. Xa no mes de decembro, o sábado 15, as Xuventudes Musicais programaron un concerto de cuarteto de corda a cargo de Et Arsis ás 19:00 horas no Centro Sociocultural.
 
Para pechar o ano, a Escola Municipal de Música organizará o Festival de Nadal coa celebración dun concerto.
 
Actividades no Colexio e na Biblioteca
A programación do Outono inclúe ademais outras actividades de periodicidade semanal, como son os obradoiros para nenos e nenas que se desenvolverán os martes ás 16:00 horas no CEIP Virxe do Carme. Os obradoiros enmárcanse na programación de actividades extraescolares que organiza a ANPA do CEIP de Sober.
 
Ademais continúa o Club de lectura Pintor de Castinande, programado na Biblioteca Pública Municipal os mércores ás 19:00 horas, e as Merendas con contos, o programa de animación á lectura para persoas de todas as idades que se celebra os venres ás 17:30 horas na Biblioteca Municipal.
 
Actividades no ximnasio municipal
O próximo luns 12 de novembro tamén retoma a súa actividade o ximnasio municipal cun horario de apertura os martes e os xoves de 17:30 a 20:30 horas. O Concello de Sober ofrece de xeito gratuíto a utilización do ximnasio, a sala de máquinas e a ximnasia de mantemento. Así, todos aqueles que o desexen poderán participar na ximnasia de mantemento os martes e os xoves de 17:30 a 18:30 horas. Tamén haberá clases de aerobic os martes e xoves de 20:30 a 21:30 e de defensa persoal-karate luns e venres ás 19:30 horas. Os interesados en asistir a estas dúas últimas actividades, que non son de balde, deben anotarse no horario da actividade ou do ximnasio.
 
O Concello de Sober tamén achega o deporte ás parroquias a través da ximnasia de mantemento. Todos os veciños e veciñas que queiran participar poderán facelo en Arxemil (luns de 16:00 a 17:00 horas), Villaoscura (luns de 17:30 a 18:30), Canabal (luns de 19:00 a 20:00 horas), Sober (martes e xoves de 17:30 a 18:30), Doade (mércores de 16:00 a 17:00 horas), Bolmente (mércores de 17:30 a 18:30) e Anllo San Esteban (xoves de 16:00 a 17:00 horas). 

consultas@prodesin.com
http://www.prodesin.net/~sober


Leave a Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *