O Concello de Sober colabora co Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) na realización dun curso de prevención de riscos laborais en actividades de poda e tala, manexo práctico da motoserra. Poderán beneficiarse desta actividade formativa un total de 14 traballadores cuxos requisitos pasan por ser maiores de idade e ocupados ou desempregados na actividade do curso.
A modalidade do curso é presencial e ten unha duración de 18 horas. A actividade desenvolverase no auditorio do Centro Sociocultural de Sober entre o 26 e o 30 de novembro en horario de 18:00 a 21:30 horas. Todos os interesados en participar poderán presentar as súas solicitudes ata o 20 de novembro no Concello de Sober, na oficina de emprego de Monforte ou na Oficina Agraria Comarcal de Monforte.
Tamén poden anotarse chamando ao teléfono 982.22.93.70, a través do número de fax 982.22.93.79 ou enviando a solicitude ao enderezo electrónico desenvolvementorural.issga@xunta.es.
Formación profesional continua
O Real decreto 752/2010, de 4 de xuño, polo que se aproba o primeiro programa de desenvolvemento rural sostible para o período 2010-2014 en aplicación da Lei 45/2007, do 13 de decembro, para o desenvolvemento sostible do medio rural, recolle como unha das actuacións do programa a 1.22.-CA.3 relativa á información e formación profesional ocupacional e continua dos traballadores.
O ISSGA está a desenvolver accións formativas de acordo cos Plans de Zonas Rurais establecidos ao abeiro do convenio asinado o 7 de maio de 2012 entre o Estado e a Xunta de Galicia para o período 2012-2016.

Leave a Reply