O Concello de Sober aprobou na súa Xunta de Goberno semanal a incorporación do municipio á Rede Galega en Contra da Violencia de Xénero posta en marcha pola Secretaría Xeral de Igualdade en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Para integrarse na Rede o Concello de Sober asinou o modelo de adhesión mediante o cal se compromete a desenvolver conxuntamente co departamento autonómico accións de sensibilización e prevención, informativas, formativas e de asistencia ás vítimas.
A rede de entidades locais contra a violencia de xénero está concibida como unha plataforma para favorecer o rexeitamento social, unha maior sensibilización e, consecuentemente, un compromiso real contra esta lacra, asociado a modelos de convivencia igualitarios. Ten como obxectivos promover a prevención e a detección precoz de situacións de risco, estimular unha actitude comprometida e crítica da cidadanía fronte ao maltrato e xeralizar a tolerancia cero contra as persoas agresoras, mediante o desenvolvemento de accións que a Secretaría Xeral da Igualdade ofrece ás entidades integrantes da rede.
Venres, declaración institucional
Para conmemorar o Día Contra a Violencia de Xénero o Concello de Sober tamén fará pública o venres unha declaración institucional e instalará diante da porta da Casa Consistorial unha mesa para recoller textos de solidariedade, frases ou ideas dos membros da Corporación local e de todos os veciños e veciñas que queiran colaborar e onde expresen a súa condena cara a calquera acto que atente contra a integridade da muller.
Domingo
O Concello de Sober prevé ademais conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero, coa colocación dun gran lazo violeta no balcón da Casa Consistorial.
Por outro lado, o Goberno local como integrante da rede ten solicitado unha serie de accións das que oferta a Secretaría Xeral de Igualdade, como un obradoiro de autodefensa para mulleres vítimas de violencia de xénero, un espectáculo lúdico-musical e pedagóxico que analiza os roles de xénero que transmiten as cancións de temática amorosa ou unha exposición gráfica de ilustracións sobre a violencia de xénero e a mocidade, entre outros.

Leave a Reply